É igual o galego que se fala en Vilagarcía que na Costa da Morte? Está a gheada admitida dentro da lingua estándar? A Deputación de Pontevedra quere respostar a estas preguntas e achegar o uso da lingua galega non só aos máis pequenos da casa, senón tamén ao resto da familia. É por iso que dende xa e ata o 29 deste mes a explanada do Auditorio acolle unha exposición interactiva na que Os Bolechas, os míticos personaxes creados por Pepe Carreiro, son os protagonistas indiscutibles.
A paulatina perda de falantes en galego nas novas xeracións, moi destacada en Vilagarcía, foi o que levou á Deputación a pór en marcha esta exposición. O deputado de Cultura, Xosé Leal, incidiu en que “queriamos facer unha mostra que chegase tamén ás familias e usando as variedades dialectais pois a xente pode sentirse máis familiarizada co idioma que coa lingua estándar”. Ademais a mostra é un “complemento perfecto para o que estes rapaces aprenden nas escolas”.
Os nenos do colexio da Escardia foron onte os encargados de inaugurar a mostra, pero ata o día 29 rapaces de toda a comarca pasarán por unha exposición que conta con elementos audiovisuais, xogos interactivos e ata un photomatón.
A exposición dos Bolechas sobre as diferentes formas de falar o galego é itinerante e percorrerá todas as comarcas da provincia de Pontevedra para que poida chegar ao maior número de público posible. l