“A Filgueira Valverde colgáronlle o sambenito da celulosa, pero el non tivo nada que ver”

“A Filgueira Valverde colgáronlle o sambenito da celulosa, pero el non tivo nada que ver”
SONY DSC

Son moitos anos os que o vilagarcián Xermán Torres leva dedicado ao estudo da figura de Xosé Filgueira Valverde. Este, ademais de escritor, intelectual e divulgador, foi alcalde de Pontevedra entre os anos 1959 e 1968. Foi xusto este periodo de tempo o que Xermán Torres analizou con motivo da súa tese de doutoramento e é dese estudo de donde xurde o libro que este vilagarciá presentará oficialmente nos próximos días.
       “É un libro que, pese a ser un estudo de 140 actas plenarias de cando Filgueira Valverde era alcalde de Pontevedra, é apto para todos os públicos. De feito, aínda que é un libro de investigación, aqueles interesados na cultura tamén o van atopar interesante”, sinala o autor.
       Con este traballo Xermán Torres pretende sobre todo destacar o labor educativo e cultural que a figura de Filgueira Valverde tivo en Pontevedra. “En termos educativos foi unha persoa moi importante. Abriu comedores, creou escolas e vivendas para mestres, sobre todo no rural, tamén o Conservatorio e foi o que mercou o Estadio de Pasarón, entre outras cousas”, explica o vilagarcián estudoso da figura de Filgueira.
      Na obra de Torres tamén se abordan cuestións polémicas como o problema da celulosa que a capital de provincia ten dende hai anos. “A Filgueira Valverde intentóuselle colgar o sambenito da celulosa, pero non foi el o que a autorizou, senón que é unha cuestión que viña dende moito antes de que el fose alcalde e que viña ordenada dende o goberno do Estado”, explica.
      Filgueira Valverde foi alcalde de Pontevedra durante o Franquismo. “Aínda que si, é certo que era rexedor cando vivía Franco o certo é que era un alcalde bastante independente. Decidiu selo porque llo pediron uns amigos. El condenaba o falanxismo e, de feito, nos actos aos que asistía do Réxime el nunca levantaba a man como indicaba o saúdo feixista”, explica o estudoso.
         O libro de Xermán Torres presentarase  mañá venres ás 20.15 horas na parroquia de Santa Baia de Arealonga. O día 18 será a quenda do salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás oito da tarde. O día 22 ao fío das nove da noite presentarase no Salón García, en Vilagarcía.

“A Filgueira Valverde colgáronlle o sambenito da celulosa, pero el non tivo nada que ver”

Te puede interesar