VITA MUTATUR, NON TOLLITUR

A vida non se perde, transfórmase. Velaí, na expresión latina que vai no título, a xénese desa palabra coa que os galeguistas do pasado século definiron o momento humano da morte: o pasamento. Para alén da crenza cristiá do tránsito á outra vida no máis alá deste mundo terreal, viaxe sen retorno a ese lugar onde moran as almas limpas, a verba leva ao concepto de memoria histórica e social. Caso do Neira Vilas que vén de iniciar esa etapa na que será recordado pola súa militancia a favor do idioma e dos outros sinais de identidade galegos que forman parte esencial da súa extensa obra literaria. Ficará para sempre na lembranza dos bos e xenerosos.
Xusto é recoñecer a grandeza da súa figura que vén de encher ríos de tinta impresa, e outros vieiros de atinadas e oportunas honras, con énfase na obra mítica: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aquelas anos do Moncho. O chamado ciclo do neno que sitúa a súa voz no cerne da reivindicación do laborioso mundo rural como gardián básico da cultura e da lingua galega.
No entanto, á par do pasamento de Neira Vilas, a casualidade levou de entre nós, en datas coincidentes, a outras persoas que non poden deixar de recibir recoñecemento, honra e gratitude. É o caso de Xosé Chao Rego, destacado galeguista dentro dun clan familiar no que o seu sobriño artista musical, Manu Chao, é o máis afamado a nivel mundial. A súa achega á creación colectiva de país, desde a súa condición primaria de crego, profesor de seminario diocesano e párroco urbano, sacerdocio abandonado anos máis tarde para dedicarse á docencia no ensino medio, é fundamental nas catro decenas de libros publicados, marcados polo tratamento da teoloxía e a antropoloxía social, e na consagración dos proxectos colectivos de Irimia ou Encrucillada.
Finalmente, Xosé Alvilares, outro crego comprometido no moderno galeguismo cristián tamén finou nestes días. Este chantadino, de Viana, defensor da tese renovadora da Igrexa iniciada polo Concilio Vaticano, autor de textos en lingua galega nos que destaca “Memorial de agravios” é un modelo de clérigo identificado coas xentes e a causa común dun pobo con personalidade de seu. Pasamentos coincidentes coa reivindicación, en Catoira, da figura cultural e literaria de Faustino Rey Romero, aquel crego rebelde que perdeu a vida en Bos Aires nunha circunstancia que agarda polo esclarecemento de vez. Xente nosa.

VITA MUTATUR, NON TOLLITUR

Te puede interesar