Eu apoio ao cerco

Foi un xoves 22 de outubro cando unha parte do sector do cerco decidiu que xa estaba ben, que tiñan que actuar de xeito contundente e que ían acampar diante da Xunta ata que se lle buscase solución ao problema que está a atravesar o cerco polo inxusto reparto nas cotas.
Non contaba o sector coa insensibilidade dos que entraban e saían do edificio de enfrente e que tiñan na súa man intermediar para que puidesen voltar ás súas casas e aos seus traballos.
Van aló máis de oitenta díaas acampados en San Caetano, aguantando as inclemencias do tempo nas súas febles tendas de campaña. Van aló múltiples mensaxes de apoio nas redes, innumerables visitas ao campamento de persoas de diferentes sectores profesionais e de políticos de distintas cores, de mocións aprobadas nos Plenos e de escritos firmados por Alcaldes, que deben estar gardados nalgún caixón dalgunha mesa do Edificio da Xunta, porque ser, non foron respostados; pero alí continúan osnosos mariñeiros galegos, facendo catro gardas de 26 armadores cada día. Alí pasaron o Nadal e o Fin de Ano. Alí fixeron garda tamén as súas mulleres e os seus fillos. Alí seguen pedindo que os deixen ir traballar, que os deixen faenar e pescar. Pero nada, non hai resposta, non hai solución, non hai reparto, non hai unha cota xusta. Levan máis de oitenta días sen levar nin un céntimo ás sus casas, coa frota amarrada e coa mesma incertidume daqueles días anteriores ao 22 de outubro.
Cada día séntense máis entristecidos e decaídos pola inactuación da Xunta, pero se alguén pensa que se van render, e que se van cansar, dou fe de que iso non vai ocorrer. Son homes e mulleres de mar, en situacións máis difíciles se atoparon, teñen o respaldo da sociedade e teñen o recoñecemento de ser o motor económico en vilas costeiras do que dependen moitas familias. Están loitando polo seu posto de traballo pero tamén de xeito indirecto por innumerables sectores que dependen do mar e que fan posible que a economía siga viva para toda a veciñanza.
Todos aqueles que temos postos medianamente relevantes, temos que aunar forzas e traballar en conxunto, a unión fai a forza, por iso algúns que o saben, só pretenden dividir e malmeter, para que as forzas se vaian perdendo, para que o sector estea non só dividido, senón tamén enfrontado. É un erro.
Hai que buscar unha solución xusta para todos, o enfrontamento ten que ser con aquel que non está facendo o que ten que facer e que en cambio, está comodamente no sillón da súa casa, mentres máis de cen persoas dormen á intemperie, sen ter nin un ápice de empatía con eles. Nunca, nunca, con aquel que só pide poder ir traballar para pagar as súas débedas, os seus recibos e dar de comer aos seus fillos.
Non podemos deixar que os nosos mariñeiros caian no olvido en San Caetano, temos que facer que a súa loita sexa tamén a nosa, temos que defendelos independeentemente da nosa orientación política, temos que unirnos como sociedade que somos e dicir alto e claro: eu apoio ao cerco galego.
*Alcaldesa de Cambados

Eu apoio ao cerco

Te puede interesar