C oa súa venia, Señoría, por alusións...
Ten a súa graza, pero moita, volver recibir leccións sobre política municipal da man de quen en catro anos dilapidou unha maioría case absoluta que viu reducida nunha terceira parte despois dun único mandato. Ten graza, porque o día que a humildade pasou pola porta de quen agora pretende sentar cátedra non se lle quixo facer caso e ela, esa señora tan ben educada, non empurrou para abrir e acceder sen permiso, nin moito menos intentou entrar pola ventá. E claro, pasa o que pasa...
Catro anos nun goberno dan para moito, efectivamente. Dan para facer cousas afortunadas pero tamén para facer outras que -por dicilo cun punto de decoro e non caer no erro de faltar á educación recibida- gozan de menos fortuna. Con seguridade, nese período de tempo habería loxicamente dunhas e das outras, pero o pasado pasado está e imos mirar cara a adiante. Non lle corresponde a quen subscribe, como voceiro dunha das forzas políticas que forman actualmente a Corporación, valorar neste foro se a balanza das xestións pasadas está inclinada cara a un lado ou cara ao outro. Nin lle corresponde nin é vontade de quen humildemente ten ben claro o papel que a cidadanía de Vilagarcía de Arousa decidiu que debía desenvolver. Porque así foi: partindo de cero, da inexperiencia recoñecida, houbo quen asumiu desde o primeiro momento o seu papel de forza da oposición, da parte máis pequena da oposición, para non deixar as verdades a medias. Pero iso si, que conste en acta que tal situación non deixa de significar que vaia desenvolver a súa función con orgullo e coa responsabilidade total que implica o cargo asumido e decidido polo pobo, que é quen máis ordena...
Porque como ben cantaba o Zeca, ao pobo si lle correspondeu no seu momento tal función e cumpriu a súa vontade. A xente si tivo esa oportunidade de valorar e xulgar esa xestión pretérita; as mulleres e os homes que exerceron o seu voto en maio si decidiron que a balanza estaba inclinada cara a un dos lados, tomaron unha determinación e colocaron fóra do goberno a quen, polo que parece derivarse das súas afirmacións cotiás, aínda non asumiu o papel que lle toca desenvolver desde hai seis meses e durante os vindeiros tres anos e medio. Iso de ser o “príncipe destronado” non debe de ser prato de bo gusto para ninguén e a xenreira acumulada ten que saír por algures, pero xa vai sendo hora de asumir os feitos e apandar coas consecuencias. Mais polo que se observa, hai quen se nega a baixar do poleiro...
Así as cousas, falto do máis mínimo sentido da humildade temos agora na Corporación a quen ousa repartir para o Goberno e para o resto da corporación moreas de cualificativos bastante desafortunados. Cadaquén que se defenda pola parte que lle toca pero, como dicía antes, ten moita graza ter que aturar novamente as leccións de quen presume de ter unha experiencia que no fondo, para o que lle valeu, -e reitero que isto non é unha opinión persoal, senón a constatación do que decidiu a xente- foi para botar pola borda, empregando a terminoloxía mariñeira que tanto parece gustarlle ao noso protagonista, a posibilidade de seguir falando desde un goberno que xa non é tal.
Polo tanto, Sr. Fole, con todo o respecto: mire polo seu, déixenos ao resto facer o propio e non bote a lingua a pacer con tanta facilidade, que algúns seremos “intermitentes”, pero de momento aínda podemos, por exemplo, entrar coa cabeza alta pola porta da Praza de Abastos sen que se arme un balbordo. Agradézolle as intencións das leccións ditadas desde a súa experiencia, pero cámbiollas por un consello: se a humildade lle volve petar á porta, ábralla e convídea a pasar. Sine ira, amigo, sine ira....
*Voceiro municipal de Somos
Maioría Vilagarcía.