De Morenés e dos silenzos

Recén celebrado o Día da Muller, o ministro Morenés tivo, no Congreso, a oportunidade de estar á altura das circunstancias. E nin o estivo, e nin tan sequera o intentou. Con ese mal entendido corporativismo, co que pretende defender cousas indefendibles, Morenés quedou como se quixera botar terra, sobre un asunto, que lle queimaba nas mans. Nin deixou a salvo a imaxe do Exército, nin el saíu limpo do envite. Todo o contrario. Coas exculpacións abruptas que deu (vello recurso de matar ao mensaxeiro) salpicou dúbidas e múltiples receos . E para remate, mandou calar. Recurso tópico e típico, cando as únicas razóns que se manexan, son as da forza ou as do grao. Pero foi no Congreso, na Casa da Soberanía Nacional, e iso merece reprobación e, como no recen aprobado Código Penal Militar, arresto contundente. Ademais das novas nestes días, no referido a contratos e empresas familiares, pode engadir ao curriculum un acto de torpeza infinita, co que acadou enlodar máis aínda, o tema da situación de desigualdade e indefensión da muller, nas forzas armadas. Non merecen os Exércitos un Ministro que, en lugar de limpar manche, en lugar de resolver complique, e en lugar de corrixir, estenda a sospeita ao non entrar a tratar o fondo do asunto. Tamén foi o aniversario do 11-M. Non sei, pero teño a sensación de que pasou de puntillas. De que houbo unha intención premeditada de silenciar ese día. Pasamos das sempiternas teorías da conspiración do ínclito Pedro J, Aznar e outros  a todos horas, e usando medios a esgalla, a un absoluto deserto deshabitado e silencioso. Contrariamente ao que pensan no Goberno, non sempre o silenzo é a mellor mediciña.

De Morenés e dos silenzos

Te puede interesar