Parece que nas últimas semanas estamos asistindo a unha lamentable sucesión de verquidos contaminantes ó noso maltratado río Umia. E digo “parece”, porque a realidade é que estes verquidos levan ocorrendo, dende fai xa décadas, ó longo de diversos puntos negros dende Caldas ata Castrelo.
Este río, que como principal vertebrador da nosa comarca aporta case a totalidade da auga potable que consumimos, está agora se cabe aínda máis valorado pola cidadanía dende que se foi habilitando nas súas marxes unha serie de sendas fluviais e ante esta visible degradación medioambiental esíxese unha solución inmediata e sancións exemplarizantes aos culpables. Está claro que hai uns culpables directos, como poden ser as empresas que deliberadamente verten á rede de saneamento as augas e os residuos sen depurar, que atascan as canalizacións, saturan os colectores e dificultan a labor de depuración.
Pero tamén temos que ter en conta que, coma no caso do colector do Piorno, a carón do regato de As Pasales en Cabanelas, a infraestrutura instalada dista moito de ser a axeitada: no seu día quíxose escatimar na inversión; e agora atopámonos cun sistema de bombeo incapaz de evacuar o volume de auga necesario para impedir que o sistema de emerxencia alivie directamente ó cauce. Tamén as canalizacións están obsoletas e en moitos tramos atópanse nun deficiente estado. Se a todo isto engadimos que, por norma xeral, existe un auténtico caos na separación entre as augas fecais (que deberan confluir na EDAR) e as augas pluviais, que non precisan de depuración, a conclusión é que o sistema ten tantas fallas que é tremendamente complexo evitar que sucedan os verquidos. Por se fora pouco, dende os concellos temos unha case que nula capacidade sancionadora, co que somos os primeiros en atoparmos nun estado de indefensión bastante grave e cunha marxe de actuación moi escasa ante estas situacións.
Falando claro: aquí non existen solucións máxicas. Tan só nos queda dispor da firme determinación de protexer o río cas ferramentas que temos, explorar outras vías para tentar solucionalo e articular novos protocolos para traballar no eido da prevención e protección medioambiental. E todo isto non se fai en quince días.
*Concelleiro de Medio Ambiente de Ribadumia