O valor do monte comunal galego

|

Até principios do século pasado, tres cuartas partes da superficie de todo o territorio galego estaban ocupadas por montes comunais xestionadas desde tempo inmemorial  pola veciñanza de aldeas e parroquias de maneira eficiente, respectuosa co medio natural e aproveitamento solidario para o conxunto da comunidade beneficiaria. A mudanza na titularidade, perdendo o seu carácter comunal por causa do acomodo aos cambios nos usos agrarios debilitou o seu papel na economía de colaboración social reducindo a súa extensión e poñendo en risco o seu papel de conservación da árbore autóctona, da prevención fronte aos incendios polo necesario coidado do entorno e do papel distributivo dunha renda económica igualitaria. Aínda resiste, a xeito de aldea gala fronte ás brutais tropas imperiais romanas que representa a tóxica industria da pasta de papel, nun esforzo por asegurar mil anos máis para unha tradición arraigada na historia dos usos do agro galego. 
Velaí a recente xornada científica, impulsada polo Consello de Cultura, sobre “traxectoria dos montes comunais galegos: a súa consideración como recurso produtivo, ambiental, paisaxístico e de calquera outro tipo”, celebrada nos pasados días en Compostela coa participación dun sobranceiro número de persoas que destacan polo seu coñecemento ou traballo neste campo. Xustificada, na súa convocatoria, porque “razóns diversas, entre as que figuran os graves problemas ambientais, a revalorización da vida rural e a expansión e influencia dos movementos ecolóxicos que impulsaron novas olladas históricas sobre o aproveitamento dos recursos naturais; o interese polo estudo e adecuada xestión dos bens comunais aumentou moito nos últimos tempos”.  Constatando que neste contexto, Galicia constitúe un exemplo extraordinario. É certo. 
Foi unha reflexión moi atinada sobre as radicais mudanzas que afectaron ao monte comunal no último século, desde os procesos de privatización, pasando pola desatinada repoboación forestal, as graves consecuencias do despoboamento e abandono do mundo rural e outros aspectos que atinxen mesmo ao proceso de ordenación do territorio, ao patrimonio de memoria colectiva e ao valor económico, paisaxístico e ambiental que vai unido entre si no uso. Todo iso, visto a partir das ensinanzas do pasado e desde unha perspectiva de voces e saberes diferentes co obxectivo de pór en valor o potencial do monte e a extensión das boas prácticas na súa xestión. 
Así, entre as conclusións do encontro, insistiuse na necesidade de reformar a situación actual do monte comunal galego que teña en conta usos agropecuarios, forestais, ambientais ou culturais. Decisión que corresponde á veciñanza comunal á hora de fixar o futuro destes territorios. Mantendo e potenciando un símbolo fundamental da economía labrega de aproveitamento común.

O valor do monte comunal galego