​A igualdade laboral e económica como ferramenta de loita contra o maltrato

O Día da Muller Traballadora é o dia de reivindicar algo tan básico é sinxelo de entender na actualidade, como difícil de conquerir: a equiparación das mulleres cos homes en todos os aspectos da vida, co laboral como o eixo sobre o que todo xira.


As mulleres que son asasinadas por homes, 43 no 2020, non son as únicas mulleres que sofren maltrato. Son unicamente a punta, dolorosa, dun iceberg feito de sufrimento e terror, pero tamén de pobreza. As estatísticas falan de que o 70% dos casos de maltrato non se denuncian nin se fan públicos, nin as mulleres que os padecen saen desa situación, que en moitos casos non chega ao maltrato físico, pero si a subxugación psicoloxica completa e durante toda a vida. O valado de factores que impiden a esas mulleres romper coa súa situación en moitos casos, en particular nas familias denominadas de clase media e baixa, ten como cemento de unión a súa situación económica. As dificultades para acceder ao mercado laboral, con empregos máis precarizados que os dos homes, e salarios moito máis baixos só polo feito de ser mulleres, fanlles moito máis difíci poder realizar unha vida independiente. E iso sen falar dos fillos.


Na nosa asociación topamos moitos casos de mulleres que non dan pasos para romper coas súas parellas porque non teñen traballo, ou teñen traballos mal pagados, con horarios que impiden a conciliación. E podemos poñernos todo o utópicas que queiramos, pero sen recursos económicos e tempo para atender aos fillos, é moi difícil romper barreiras é enfrontarse a estas situacións. Nestes casos, o mal coñecido resulta mellor, aínda que sexa entre bágoas, que o bo por coñercer. Nos casos onde hai violencia física a situación convértese nunha trampa sen saída co sometemento a unha vida de terror e, en demasiados casos, morte.


Precisamos que a sociedade evolucione . Pero os cambios sociais son lentos se non se lles axuda un pouco. Por iso precisamos con urxencia cambios legais que obriguen a equiparar salarios e condicións laborais, que favorezan a conciliación familiar, que recoñezan ás mulleres o mesmo status a todos os niveis que aos homes. En resume, precisamos leis que nos aporten algo que a sociedade actual aínda nos nega: a liberdade de decidir como vivir a nosa vida e a capacidade para poder facelo.


E precisamos leis que protexan as mulleres maltratadas, e axudas suficientes é mecanismos de inserción social e laboral, con carácter directo e coa mínima burocracia, que nos facilite dar o paso de distanciarnos das nosas parellas.


Como mulleres necesitamos, con urxencia inmediata, dispor da liberdade para decidir se queremos seguir nunha relación, sen ter que preocuparnos porque a consecuencia desa decisión sexa quedarnos na rúa cunha man diante e outra detrás. Porque temos claro que o camiño para enterrar a maior parte da violencia machista pasa por conquerir igualdade social plena.


Este é o motivo polo cal nós levantamos o puño cada 8 de marzo, é polo cal traballamos cada día.

​A igualdade laboral e económica como ferramenta de loita contra o maltrato

Te puede interesar