A guerra como éxito absurdo

bandeiras dos nosos pais” é un extraordinario filme do gran Clint Eastwood que, por se hai algún espectador perdido na sala, explica a súa idea nada máis iniciar. Un percorrido por unha casa a escuras e unha voz que afirma “Moita xente gusta de falar moito das guerras. Sobre todo os que nunca estiveron en ningunha”. O que segue é, simplemente, unha gran película que explica todo o que está contido nesa certeira frase.


Salvando as distancias do que supón unha guerra, é triste ver como os enfrontamentos e os choques de marcar territorio son desexados por algúns supostos líderes sociais de hoxe en día. Algúns deles fuxen do diálogo e do entendemento como os gatos do auga, coma se sentarse a falar ou facer xestos que contribúan a rebaixar as tensións fosen o mal do universo. Non se pode construír nada dende o odio, pero non e menos certo que promover o odio é unha ferramenta moi tentadora para ser protagonista. Así, quen nunca pensa na necesidade de entender ao outro prefire enfrontar, facer a guerra. Porque a guerra é o camiño fácil, pero non o mellor. Algúns son burdos, bruscos e notorios. Outros son sutiles e finos. Pero todos son tremendamente parecidos.


Buscar inimigos, e interpretar sempre que o outro é un diaño malvado, é moi cansino. Declárome en rebeldía contra os amargados que entenden a vida, e a política, a base de pulsos. Poderán servir para aglutinar masas, pero nunca para crear nada que mereza a pena. Creo nas políticas de diálogo e entendemento con aqueles cos que se discrepa, incluso profundamente, pois ningún mérito ten entenderse entre os que pensan igual. Nunca ninguén convenceu a outro insultándoo. Debemos fuxir dos namorados de usar o poder para castigar e reprimir. Nin tender unha man é unha rendición das tropas nin lanzar unha pedra é un acto de valentía. Pero resulta que conseguiremos máis progresos tendendo as mans que lanzando pedras. Se cadra o problema está en que teñamos que estar debatendo isto.

A guerra como éxito absurdo

Te puede interesar