Das apariencias

os días amencen impolutos. Semellara que o silencio da noite limpara a atmosfera e as rúas. Pero é un mero espellismo. Coa luz do sol chega tamén a faciana real das cousas. A violencia máis radical e máis insoportable volveu a ter espazo nas noticias. A covardía absoluta de quen asasina ás súas propias fillas para causar unha dor que nunca será superada. Ou o que mata e despeza a súa parella, ou mata a unha exparella ou a unha veciña da que se obsesiona. Sempre o drama da violencia de xénero, e sempre a realidade superando á ficción. Repítese novamente aquilo de que eran amigo dos seus amigos e incapaz de causar dano a ninguén. Sempre erramos o tiro da valoración e a catalogación das persoas. O subxectivo domina ao obxectivo. E custa traballo cambiar o punto de vista adquirido, a pesar dos sinais de que algo non é o que parece ser. A aparencia está construída con recortes de realidades felices –desas que quedan recollidas nos selfis que alimentan as redes sociais– con momentos de lecer e onde todo é doado de resolver. Pero a realidade está feita de esixencia, sacrificios e de normas que, queiramos ou non, obrigan e condicionan. Falamos de mortes excesivas, innecesarias e brutais. Asasinatos con crueldade e aleivosía que non teñen xustificación nin sentido. Baixo a superficie do perfecto, hai unha realidade de microcosmos, de virus e bacterias que asoman cando apagamos as luces. Unha efervescencia de envexas, egos, adiccións, narcisismos, dependencias, celos e complexos variados que transforman as convivencias en cousas que nada teñen que ver cos afectos. Todxs perdemos moito con cada asasinato, pero depende de todxs que logremos erradicar tanta indecencia.

Somos as palabras que sentimos –dixo El– esa inmensidade de afectos silenciosos que amencen asombrados nos teus ollos. Somos a man imprevisible e desexada, que sempre permanece e acariña...

Das apariencias

Te puede interesar