Pandemia aos 18

Coma seguramente moitos de vostedes fixeron durante estes meses, en varias ocasións cheguei á conclusión que esta pandemia que nos roubou tempo e momentos irrepetibles da nosa vida non é o mesmo que o faga aos 45 que aos 18. Todas as épocas son boas, e en todas pasan cousas importantes. Pero ningunha son os 18. É por iso que sinto algúns sentimentos encontrados, soamente algúns, pensando na rapazada que marchou a Mallorca e trae consigo un problema que nos afecta a todos. Entendo as ansias, pero hai moitas outras cousas que resulta máis difícil.


Penso que debo ser moi vello porque abro os ollos como pratos cando lembro que, mentras eu recibín unha palmadiña na espalda e saín a tomar algunhas cervexas na miña Vilagarcía ao aprobar a selectividade, agora a rapazada ten viaxes pagadas a Mallorca para irse de festa rachada (porque non parece que foran con ganas de ver os museos). Tamén penso que hai detrás desto axencias que organizan e eventos que se montan sen medidas ningunhas de seguridade, mentras ao bar do señor Antonio oblígaselle a comprar medidores de CO2 e andar detrás dos incumpridores das normas coma se foran policías. Non deixo de pensar, tampouco, que a culpa non é (soamente) súa, pois hai unhas familias que ás veces parece que se suman á feira de reivindicar pero pouco á de responsabilizarse.


E si, tamén penso que ter 18 non exime de ter algúns momentos de sensatez para ser consciente de que as ansias de festa (que todos temos) van facer que algúns negocios nas súas vilas natais teñan máis dificultade para chegar a fin de mes, e que son un potencial risco para a xente que vive con eles, para os que os transportan…


En resumo, penso que ninguén actuou ben, e que hai unha revolución social pendente que pasa por asumir que para cada dereito que reclamemos hai unha responsabilidade. Porque haberá quen crea que berrar “liberdade!” é ser moi cool, pero hai veces que non deixa de ser unha paletada obscena.

Pandemia aos 18

Te puede interesar