Abrir Vilagarcía ao mar

Asinouse e fíxose público o acordo que Concello de Vilagarcía e o Porto acadaron para que a cidade fágase máis grande, as institucións colaboren e para conseguir que grandes oportunidades que temos diante dos ollos poidan facerse realidade.


Polo primeiro toca felicitar ás persoas e administracións que o conseguiron, pois é de suliñar sempre que as diferentes visións alcancen proxectos comúns. Non foi sen tempo, e se cadra foi gracias a atopar os interlocutores axeitados, pero ábrese un gran paso para recuperar unha relación de Vilagarcía co mar, taponada e alonxada por diversas decisións urbanísticas pasadas. Servirá para ordenar os usos, para que porto industrial e deportivo teñan os seus espazos, localizados e non dispersos, e para que os cidadáns teñan máis lugares para respirar o mar.


Cabe comezar a proxectar os espazos que as persoas deben ocupar e nos que non haberá grandes barreiras construídas (aínda que isto parece ser unha mala noticia para os agoreiros de sempre). Facilitaranse posibilidades de aproveitamento turístico no ámbito portuario, que tan de interese son para Vilagarcía, e lonxe dos tempos en que se regalaban concesións para negocios que nada tiñan que ver co mar. Moitas ideas ilusionantes agora por diante, e moitas posibilidades para facer cidade.


Ao fin, os protocolos e os anuncios traen tamén unha outra satisfacción, que é ver que a política pode construír avances, chegar a acordos e progresar a pesares dos prismas distintos. Permítanme tamén vender unha moto á que lle teño cariño e contar que este avance pon en valor aos que, dende hai tempo, prometemos e comprometemos o noso esforzo en traballar para o que anunciamos, e aos que facemos algo tan revolucionario como cumprir os programas políticos cos que pedimos a confianza cidadá. Centro de saúde na antiga Comandancia, cambiar a fachada marítima, recuperar espazos portuarios, evitar macro-construcións en primeira liña...en resumen: abrir Vilagarcía ao mar.

Abrir Vilagarcía ao mar

Te puede interesar