O BNG pídelle á Xunta que actúe ante a sentenza que retira a custodia a unha nai por vivir "na Galicia profunda"

Ana Pontón falou do seu caso personal, porque se criou en Chorente, en Sarria/EFE
|

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta de Galicia que "actúe" despois de que transcendese o contido dunha sentenza xudicial emitida por unha xuíza de Marbella na que,fala dunha "Galicia profunda" como argumento para cuestionar a custodia a unha nai de Muros sobre o seu bebé dun ano.


Os nacionalistas, que tamén impulsan unha declaración institucional na Cámara autonómica, quixeron, en primeiro lugar, "trasladar todo o apoio" a esta nai á que lle dixeron que a súa localidade "non é un lugar apropiado" para criar ao seu fillo, unha sentenza que ven chea "de prexuízos" e que rexeitan de plano.


"É moi duro que se lle poida cuestionar a unha muller a custodia do seu fillo e, moito máis, con argumentos que son única e exclusivamente prexuízos dunha maxistrada que considera que criarse nunha contorna rural limita e, ademais, é negativo", censurou.


Pontón advertiu de que "hai miles de galegos", e ela mesma, se crían en contornas rurais, en pequenas vilas e parroquias, do interior e costa de Galicia, e "nada disto supuxo ningún inconveniente", senón que "formou parte da formación, da maneira de ser e estar no mundo, e que achegou valores moi positivos".


Por iso, xulgou que quen considere que crecer no rural de Muros é "un lastre" e non lles permite "ser felices", realmente "non ten nin idea de como é Galicia e está chea de prexuízos".


"Non pode quedar de brazos cruzados"

A portavoz do BNG advertiu, neste sentido, que o Goberno galego "non pode quedar de brazos cruzados", de maneira que pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao Executivo galego que "actúen".


"Que ten que dicir o presidente da Xunta #ante unha sentenza que lle cuestiona unha nai galega a custodia do seu fillo dun ano alegando que hai lugares de Galicia nos que non se pode criar a ese neno porque son ambientes onde non hai oportunidades e non se garante a felicidade dese neno?", preguntouse.


Pontón puxo o acento en que, precisamente, "o máis importante neste debate" é a "felicidade" dese neno. "Os dereitos do menor teñen que estar por diante e, cando vemos unha sentenza que se asenta en prexuízos, algo está a fallar nese procedemento", apuntou.


Así, pediu que a Xunta "se poña de inmediato" con esa nai para ofrecerlle o asesoramento xurídico que necesite para "corrixir un atropelo" sobre unha situación que "indigna colectivamente", porque "se seguen reiterando prexuízos que en pleno século XXI non deberiamos ter que escoitar".


Declaración institucional

Paralelamente, o BNG impulsa no Parlamento de Galicia, como "primeira institución" autonómica, unha declaración institucional, porque "non pode quedar á marxe deste asunto".


O documento, que se expuxo aos demais grupos, pretende que a Cámara autonómica "reivindique o valor de vivir no rural e en calquera lugar de Galicia", con "a mesma dignidade e capacidade de desenvolverse como persoas e de ser felices, igual que en calquera outra parte do mundo, incluída en Marbella".


Pontón falou do seu caso persoal, criada en Chorente (Sarria-Lugo) e expuxo que se tivese que "escoller" entre a súa localidade e Marbella, ten "clara" a súa elección. "Fun unha nena moi feliz", afirmou. 

O BNG pídelle á Xunta que actúe ante a sentenza que retira a custodia a unha nai por vivir "na Galicia profunda"