Josh Cavallo

Éramos catro galegos inmersos nun barullo de milleiros de persoas enloquecidas de euforia colapsando as rúas de Hanoi. O primeiro que pensei foi que se poñíamos un par de pulpeiras e empezábamos a asar churrasco montábamos un imperio, pero a realidade é que acabei abrazado a un vietnamita descamisado que tiraba máis cervexa da que bebía. A selección xuvenil do país acababa de ganar un partido da Copa de Asia contra un país que eu non tería a total certeza de colocar ben no mapa. Iso, que aquí escribiríase na esquina inferior dun tuit perdido, alí provocou un delirio colectivo que parecía un San Xoan en Riazor. O fútbol é un idioma universal que se xoga alí onde hai dúas pedras e unha lata, o que o convirte nunha ferramenta de transmisión poderosísima.

Fai apenas uns días probablemente ninguén por este lado do mundo sabería quen é Josh Cavallo. Posiblemente agora sigan sen sabelo, pero é un pioneiro. Cavallo, australiano xogador do Adelaida United (que parece un nome posto por Ibáñez) é o primeiro futbolista de elite en activo que manifesta abertamente a súa homosexualidade. O terrorífico deste fito é a palabra “primeiro” porque evidencia que existe unha estandarización forzosa, que é a maneira eufemística de chamarlle ás ditaduras morais.

O deporte transmite sempre ser un entorno pouco dado a progresar en consoancia cos avances sociais. “Os códigos do fútbol”, “xogar como homes” e outras frases tan recoñecibles como torpes son froito de entornos dotados de máis casposismo que de neuronas. Pero así coméntase e escríbese, maioritariamente, o fútbol mediático do que un periódico dun grupo mediático supostamente progresista era coñecido por incluir unha foto, sempre unha muller, na súa contraportada como se existise un concurso de Miss Cabina de Camioneiro. Todo un desastroso tufo.

Eu non sei se Josh Cavallo é un bo futbolista ou non. Tampouco me importa. Creo que xa merece ser celebrado, pola valentía en discutir a dinastía inmóvil dos malos valores. Agora toca aprender, evitar a utilización frívola e comprender que hai un problema de fondo. Un golazo que non debemos desaproveitar.

Josh Cavallo

Te puede interesar