O tren que me leva polo bo camiño

Escribiuse moito e falouse moito, pero a conexión de alta velocidade por tren está aquí, e cada vez estará máis. Hai quen pensa no gran avance que supón ter Madrid a 4 horas dende Arousa, que o é. Outros pensarán no privilexio que é ter Arousa a 4 horas de Madrid, que tamén o é. Ambas son visións que hai uns anos parecían imposibles, e que xa son realidade. Hai que felicitarse por elo.


Vilagarcía, como estación de tren de referencia dunha comarca tan relevante, terá unha segunda parada directa da alta velocidade na liña Vigo – Madrid. Hai non moito tempo as visións curtas pretendían reclamar unha soa, e sen berrar moi alto para poder saír nas fotos. Hoxe, con traballo conxunto e sen necesidade de grandes proclamas, Arousa está presente. Non fai falta ser grandilocuente, pedir agora o que non se pedía antes, cambiar de idea cada minuto ou protestar permanentemente. O máis efectivo é traballar.


O noso impacto turístico será máis efectivo, a presenza será maior e mellor, e a nosa conectividade será máis ampla. Trátase de que poderemos pensar en viaxes dun día, o que favorece que unha empresaria comarcal poida expandirse e vincular actividades coa capital e tamén que un poida ir a visitar o Museo do Prado un día libre. Significa non ter que buscar caros avións e que os estudantes poidan sentirse máis preto de casa. Tradúcese en non pasar a noite fora de casa cando o traballo obriga a ir á Madrid. Implica, tamén, que grupos de persoas de Castela acabarán desfrutando de fins de semana nos que consumir en Arousa. Implica conexión e avance. Todo isto sen facer horas e horas na carreteira, sen deixar a carteira na gasolinera e contaminando moito menos.


Houbo paus nas rodas, si. E houbo anos en que deixouse de investir, si (algunha explicación deberan dar os que eran gobernos “moi amigos” aquí e alá). Pero, ao fin, o traballo dos que apostaron de verdade entrega froitos. Estamos máis conectados. Escribirase moito e falarase moito, pero Arousa ten un par de trens ao día para ir e vir. Foi un compromiso, e cúmprese. A seguir.

O tren que me leva polo bo camiño

Te puede interesar