Manuel Bea Silva | “Despois de dezaseis anos é preciso un relevo no Club de Xubilados. Necesito un respiro”

Manuel Bea Silva | “Despois de dezaseis anos é preciso un relevo no Club de Xubilados. Necesito un respiro”
Manuel Bea González, presidente do Club de Xubilados de Portonovo | d.a.

Manuel Bea González deixará o vindeiro domingo a presidencia do Club de Xubilados de Portonovo. Tras oito anos ao frente do colectivo e outros tantos como secretario, Bea considera que é necesario “tomar un respiro e pasar o relevo”. Aos seus 83 anos recoñece que “algunhas veces xa me falla a memoria”, pero poucas porque recorda con nitidez distintos momentos claves da historia de Portonovo.

O vindeiro domingo deixa a presidencia do Club de Xubilados de Portonovo nunha asamblea extraordinaria. Cales son os motivos desta decisión ?
Despois de oito anos como presidente e outros oito como secretario é necesario que me tome un respiro. É unha decisión persoal, pero seguirei axudando no que poida e necesite a nova directiva que entre. As veces xa me falla a memoria e tamén é preciso un cambio e que veña xente con novas ideas.

¿Que destacaría destes anos no Club de Xubilados?
Eu comencei aquí coa organización de comparsas e gustaríame acabar coa grabación dun disco de murgas e charangas antigas. Sería unha forma bonita de pechar unha etapa. Desta etapa destacaría moitas cousas boas, pero tamén algún que outro disgusto.

A historia viva de Portonovo vai vinculada a súa figura. Pintura, música, cine e ata corresponsal. De que etapa garda un mellor recordo?
Se de algo me sinto orgulloso é de ser o fundador do grupo folclórico Os Gatiños con dezaseis nenos de Portonovo. Fumos uns dos primeiros grupos folclóricos infantís e levamos a Portonovo non só por Galicia senón por toda España e por iso me deron a Raia de Ouro en 2004. Chamáronnos ata de Arxentina. Foi unha etapa excepcional a pesar de que algunha xente me dicía que estaba loco. Moitos nenos non sabían nin o que era unha gaita, pero escoitalos cando aprenderon era unha maravilla.

Supoño implicaría sacrificar moito do seu tempo libre e familiar ?
Claro, durante o verán non tiña tempo nin para atender a miña carpintería. Os pais dos nenos dábanme uns cartos e logo o que recaudábamos por actuación repartíamolo descontando os gastos de transporte e aloxamento. Cada neno tiña unha libreta bancaria con eses cartos, non eran moitos, pero era o que gañaban e era xusto que fora para eles.

A súa etapa no cine Gondariño tamén merece unha mención.
Empecei traballando no cine como ferreiro con once anos para poder ver as películas gratis e alí seguín ata que me casei. Como sempre me gustou a pintura e dábaseme ben tamén facía os carteis das películas. Pintei a Sara Montiel en murais de cinco por dous metros.

Escribiu crónicas para “El Pueblo Gallego”?
Nunca cobrei un duro polas noticias pero encargábame de escribir noticias de fútbol, de bautizos, bodas, funerales e accidentes. A primeira crónica que escribín foi en xullo de 1969. Logo desapareceu. Sempre me gustou colaborar para o pobo de Portonovo.

Ese carácter e afán por colaborar fixo que fundase o primeiro colectivo veciñal de Portonovo?
Si, foi en 1977, cando xunto a Manuel Piñeiro nos propuxemos formar unha asociación veciñal. Desplazámonos ata Vilaboa para ver como funcionaba e pedirlles os estatutos. Estiven dez anos ao frente e solucionamos moitos problemas. Tamén presidín a comisión de festas de San Roque e formei parte da directiva do Club de Fútbol de Portonovo.

Tanta actividade tivo o seu recoñecemento
Fun premiado en varias ocasións pola exposición de maquetas, polos Gatiños e tamén por ser exemplo do envellecemento activo e productivo no Día Internacional das Persoas Maiores 2015. Tamén obtuven o premio San Roque de bronce 2016. l

Manuel Bea Silva | “Despois de dezaseis anos é preciso un relevo no Club de Xubilados. Necesito un respiro”

Te puede interesar