A Coruña navega polo universo de Isaac Díaz Pardo

A Coruña navega polo universo de Isaac Díaz Pardo
A exposición, que se atopa no Museo de Belas Artes, está comisariada polo propio fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias (no centro cunha chaqueta beige) con autoridades como o conselleiro de Cultura / FOTOS: Quintana

Todo o mundo coñece a figura de Isaac Díaz Pardo coma un importante intelectual que contribuiu tanto de forma artística coma industrial na loita por unha Galicia mellor. Non obstante, non son tantas as persoas que coñecen a súa historia. Quen foi realmente Díaz Pardo? Todo aquel que queira descubrilo pode achegarse ata o Museo de Belas Artes de A Coruña, onde a exposición ‘A Barca de Caronte: A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’ poderá visitarse ata o 14 de decembro. Esta iniciativa, comisariada polo seu propio fillo, Xosé Díaz Arias, recolle cada un dos pasos do intelectual dende a súa etapa máis profesional coma pintor ata o seu cume coma deseñador industrial, pasando por unha vida chea de sentimento, denuncia e, sobre todo, amor pola terra. 


O título da exposición ten a súa orixe en dous dos cadros máis importantes (e de gran tamaño) que pintou o artista. Para realizalos inspirouse no relato mitolóxico do barqueiro que transportaba as almas dos mortos ao inframundo. “Para el era unha metáfora da viaxe do pobo galego cara o seu destino, vense trazas dunha preocupación social”, explica Díaz Arias a El Ideal Gallego. “Reapropiámonos do significado que lle deu el e tranformámolo nunha metáfora da súa travesía vital ao longo dos anos”.


Isaac Díaz Pardo empeza a formarse co seu pai, Camilo Díaz, un importante artista, escenógrafo e deseñador que foi asasinado na Guerra Civil polos seus ideais republicanos. “Con el aprende a pintar e debuxar. Logo marcha a Madrid a estudar Belas Artes gracias a unha beca da Deputación de A Coruña e convírtese en pintor profesional ata os 27 ou 28 anos”, explica o comisario.


Logra expoñer as súas obras en grandes cidades coma Londres e Barcelona, pero no mellor momento da súa carreira toma a decisión de deixar a profesión. “Hai moitas razóns polas que abandona a pintura. A primeira, que está farto de retratar o mundo oscuro e triste do Madrid da posguerra, cheo de señoritos fascistas e ricos. A segunda é que quere seguir os pasos do seu pai e transicionar ás artes aplicadas, polo que volve a Galicia en 1949 e monta a súa primeira fábrica, Cerámicas do Castro, en Sada”.

 

 UIN6152 22414402
 


Nesta primeira etapa coma ceramista deseña pezas que evocan a moitos dos seus óleos. Principalmente modela nús femininos, xa que unha das obsesións do artista foi a procura da beleza suprema. Para el, os corpos espidos das mulleres simbolizaban a liberdade. Tamén establece obradoiros de produción de porcelana. As condicións laborais son moi precarias, xa que se centra, sobre todo, en formar aos seus traballadores. “Por outro lado, no seu tempo libre segue pintando, ao final era un artista e creatividade saíalle polos ollos”, apunta con emoción Díaz Arias.


No 1955 viaxa a Bos Aires para expoñer as súas pinturas e ceramícas por unha invitación do Centro Galego e varios intelectuais exiliados (coma Luis Seoane, Dieste ou Blanco Amor) convéncenno de montar outra fábrica alí. “Galicia está sumida nunha longa noite de pedra, aquí estase moito mellor”, conta o comisario imitando a voz dos amigos do seu pai. 


En 1957 funda na Pampa Porcelanas Magdalena, onde experimenta novos deseños e modos de produción que lle axudan a enriquecer a súa fábrica do Castro. Pasa once anos indo e vindo dun país a outro, pero coma en Arxentina está moito tempo solo, retoma os pinceis esporadicamente de xeito diferente. “Ao vivir nese país libre, acabou xurdindo un novo estilo pictórico moito máis xestual e comprometido. Os personaxes agora protestan a través da mirada, están alporizados. Por exemplo, aquel da muller co neno no regazo que mira fixamente ao fronte. Estase preguntando: qué vai ser de nós?, a onde vai este país?”. As súas obras convírtense en escenas nas que reflicte unha preocupación social pola súa terra. 


“Ao final, Isaac foi un home formado na República.” Con só 15 anos xa participara activamente na campaña polo Estatuto de Autonomía de 1936. Deseñara catro carteis e fixera unha xigantesca intervención en Compostela cun graffiti que percorreu a totalidade da praza do Obradoiro berrando ‘Autonomía si’. “Foi coma se revivise en América. Lémbrase daqueles tempos e por iso aparecen os novos deseños nas pinturas e nas cerámicas”. 

 

 UIN6106 22392690
 


Tamén xorden novos proxectos para levar a cabo en Galicia. Cando volve en 1967 funda o Laboratorio de Formas xunto con Luis Seoane e nel asentan as bases dun ‘corpus’ teórico sobre os emprendementos que queren levar a cabo no país. Xorden numerosas iniciativas coma o museo Carlos Maside, o manifesto de 1970 ou a restauración de Sargadelos, que foi o cume da súa etapa creativa. O certo é que non se limitou a seguir a estética importada da antiga louza, senón que sentou as bases dun deseño diferencial que reivindicaba unha cultura propia, pero cun enfoque universal para impulsar a terra a nivel económico. “O meu pai fixo unha empresa na que buscaba que os beneficios se socializaran. No capitalismo estes repártense entre os accionistas dunha entidade, especúlase co diñeiro. Isaac abogaba por unha industria na que os beneficios voltasen aos cidadáns en forma de cultura. Como? A través de editoriais, centros de arte, institucións de investigación, todo o de Sargadelos, etc.” explica o comisario.


A pesar de que a partir de 1967 non volve a coller os pinceis, plasma a súa creatividade a través de numerosos debuxos que seguen esa liña de personaxes enfadadas que denuncian a súa situación. Xorden os ‘carteles de cego’, unha especie de cómics que fai entre os anos 70 e 1984, que foi o último, adicado a Castelao. “Cando retornaron os restos do ilustre a Galicia fórmase unha liorta porque non se contou co pobo, non se fixo ningún acto ao respecto, parecía que o tiñan secuestrado”, lembra  Díaz Arias. Por outra banda, a meirande parte dos seus debuxos pasan a estar vinculados directamente coa industria, xa que deseña máquinas, edificios, mobiliarios...


Dentro do marco do ano de Díaz Pardo, nomeado pola Real Academia de Belas Artes coma personaxe do Día das Artes Galegas, a exposición divide toda a vida do ilustre en cinco seccións nas que non só afonda en cada un dos aspectos da súa viaxe humana, senón que mostra ata 150 pezas entre as que se atopan tanto os cadros coma decenas das cerámicas, carteis ou debuxos que realizou. Na inauguración, que tivo lugar o 19 de xuño, o conselleiro de Cultura, José López Campos, afirmou que “é unha mostra que pon en valor todas as vertentes dun artista polifacético,  capaz de ofrecer unha achega ao que significou a súa figura dende moitas perspectivas diferentes”. 


Máis aló diso, o comisario destaca que, en primeiro lugar, para el foi un gran pai, “pero paréceme unha personaxe moi importante non so polas suas ideas, senón porque foi un artista, creador e intelectual fundamental que soubo adaptarse ao século XX. Foi un momento de transición no que a arte buscaba chegar á sociedade dalgunha maneira. O meu pai dicía que non podía quedar nos museos, nas salas de arte ou as habitacións decoradas da xente pudiente. As vangardas van todas por aí. Foi practicamente o único creador que soubo interpretar ben o século XX. E esa foi a súa gran aportación”. 


Nunha sociedade materialista e completamente desarraigada da súa orixe, Díaz Pardo logrou representar todo o contrario. Non importou a idade, o país ou os recursos dos que dispoñía, a loita por unha Galicia mellor sempre estivo presente en cada unha das súas etapas vitais. Dende Arxentina fixo aqueles cadros de ollos enormes que denunciaban constantemente, pero o máis curioso é o moito que eses ollos se parecen aos seus. Sería unha forma de reflexarse a si mesmo e as súas inquedanzas? “Estamos neste mundo para facer algo que teña unha certa trascendencia”, contesta o comisario. Isaac Díaz Pardo, dende logo, fíxoo todo. 

A Coruña navega polo universo de Isaac Díaz Pardo

Te puede interesar