Fundación Repsol e a Xunta convocan a XVI edición do Premio Narrativa Breve

Juan Torres, Mercedes Gómez Badiola, Valentín García, Francisco Castro e Jacobo Aguado/Fundación Repsol

Fundación Repsol e a Consellería de Cultura impulsan a literatura galega a través dunha nova convocatoria do Premio Narrativa Breve en lingua galega, un certame literario xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas.


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a xerente da Área Institucional de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, acompañados polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o subdirector de persoas e Organización da refinería de Repsol na Coruña, Jacobo Aguado, anunciaron esta mañá o lanzamento da XVI edición do premio tras a renovación do convenio de colaboración que manteñen desde o ano 2006, para impulsar a creación de literatura en galeg e ser unha vía de promoción para que os escritores galegos cheguen aos lectores. 


O anuncio tivo lugar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal onde os representantes de Xunta  e Fundación Repsol fixeron entrega de 21 exemplares dunha das edicións galardoadas ao director da biblioteca, Jesús Torres. O obxectivo é que os clubs de lectura adscritos ao servizo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poidan desfrutar da lectura e calidade das obras premiadas ao longo das edicións.


Características da XVI edición

A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia.


As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.


Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora, que se dará a coñecer no mes de setem- bro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.


As bases desta última convocatoria están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.comacoruna.repsol.es.


Contando historias desde 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e verte- brado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.


Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra "Se algún día esta muller morta" e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por "O insomnio dos centauros". A gañadora da segunda edición foi a obra "Así nacen as baleas", da escritora Ángeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por "A verdade como mal menor". Na edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra "Os Fios". "Microbios e outros paquidermos", de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.


En 2012, o galardón foi para "A forma dás nubes", de María López Sández; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi "O derradeiro libro de Emma Olsen", de Berta Dávila. No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra "A Diagonal dos Tolos" e no 2015 a novela galardoada foi "Fontán" do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con "Nordés". O xornalista, escritor e profesor Xosé A. Neira Cruz obtivo o galardón por "O sono das sereas" no 2017 e o monfortino Antón Lopo gañou no 2018 pola súa obra "Extraordinario".


Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra "Diario dun enterro" e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve "Illa Decepción". O ano pasado, a novela "Eternity", do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elexida polo xurado para obter o premio da última edición.


O certame conta desde o seu nacemento coa participación de máis de 450 obras orixinais de escritores galegos.

Fundación Repsol e a Xunta convocan a XVI edición do Premio Narrativa Breve

Te puede interesar