Gañadores do II Concurso de Microrrelatos de El Ideal Gallego

Gañadores do II Concurso de Microrrelatos de El Ideal Gallego

El Ideal Gallego conmemora o 17 de maio co seu  “II Concurso Microrrelato Homenaxe ás Letras Galegas”, que este ano está deseñado baixo a temática “Morriña”, e no que se invitaba a participar cun texto de menos de 100 palabras. 


Estes son os traballos premiados:


GAÑADOR


Nesta noite de ausencia podería ser Neruda e escribir tamén os versos máis tristes. Mais eu non son poeta. Así que baixo as pálpebras e meto na boca o charón dunha cereixa de sangue. Estrala, redondo, entre os meus dentes e lembro cando me comías os beizos todos cunha lingua famenta que sabía a primavera. Unha bágoa solitaria apaga o meu sorriso. E no silencio inmenso, vexo as túas pegadas sobre a cinza dos bicos que xa nunca nos daremos. E chove, meu amor. Por riba, chove.


Segundo clasificado

Dos dezaoito anos de vida da cadela Nala, nove deles pasáraos agardando a volta do seu dono. E esta foi a noite en que Xurxo retornou da Arxentina. E foi tamén a noite en que Nala expirou o seu derradeiro arfar, encollida no colo do dono, e moi leda ofreceu a vida neste cadaleito de reencontro e calor humano. E a nai de Xurxo dicía: "Pobre cadela, mesmo semella que aguantou a vida no peito tantos anos para poder verche de novo e marchar en paz!". E fillo, así coma volveches, vas volver marchar!


Terceiro clasificado

Cando nos preguntamos cal é a maior forza do universo, uns dirán que é o amor. Outros, a gravidade. Einstein sostiña que era a capitalización composta. Mais a meirande forza é un fío invisible tecido polas parcas que nos conecta con ese currunchiño especial. Un enlace covalente que une os átomos da nosa alma coa nosa aldea ou barrio por moita distancia que haxa. A mesma forza que fai que as andoriñas volvan cada ano facer o niño no mesmo tellado. Unha man invisible que nos empurra cara ó noso lar. E os galegos fomos quen de poñerlle nome: Morriña.


Gañadores do II Concurso de Microrrelatos de El Ideal Gallego

Te puede interesar