O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este xoves a feira Mostrart, que celebra a súa 41 edición ata o 31 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña e que impulsa a Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta. Alí o director xeral destacou o auxe desta cita e o seu importante papel na difusión do selo Artesanía de Galicia e de novos talentos neste sector, que contribúen a dinamizar o territorio.
De feito, nesta edición desta cita, que ten lugar todo o mes de agosto, participan máis de 62 empresas artesáns das que 51 obradoiros pertencen ao selo Artesanía de Galicia e isto convértena na feira de venda directa máis relevante da comunidade autónoma e tamén un escaparate de referencia a nivel nacional.
Neste sentido, Gabriel Alén fixo fincapé na importancia de iniciativas coma esta para seguir atraendo novos talentos a este sector e subliñou que é un exemplo da aposta da Xunta pola artesanía galega. Un labor que se reflicte, engadiu, a través da Fundación Artesanía de Galicia e de entidades como a Asociación Galega de Artesáns.
Os obradoiros participantes en Mostrart abranguen varios oficios, entre eles, coiro, téxtil, xoiería, bixutería, escultura, madeira, arte floral, xoguetes, cerámica, encadernación, papel e cartón, e instrumentos musicais. A eles súmanse 11 artesáns procedentes doutras comunidades autónomas que participan nesta iniciativa e o programa Oficios ao sol, que consiste en obradoiros gratuítos abertos ao público con demostracións en vivo a cargo de diferentes artesáns e que se desenvolven os luns e martes de agosto.
Os próximos terán lugar a vindeira semana, que é a última da feira. En concreto, o 25 de agosto, haberá un taller de elaboración dun colgante ou adorno para maiores de 12 anos e en quendas de hora e media, que impartirá Jatafarta, e o 26 terá lugar outro de elaboración de pezas de cerámica para maiores de 6 anos, en quendas de hora e media e a cargo de Víctor Ares. Para asistir é necesario inscribirse previamente e os menores deben ir acompañados dun adulto.
O compromiso do Goberno galego co sector artesán tamén se manifesta no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como as futuras bolsas de aprendices para o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciativa de formación continua para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos que aseguren o futuro do sector.
Isto compleméntase coa estratexia global de emprendemento que promove a Xunta, coa Rede de polos como aliada, e tamén coa atracción de talento das galegas e galegos do exterior, con apoios chave na remuda xeracional como as axudas ao Retorno Emprendedor (1M€). Outros apoios son os destinados a obradoiros artesanais, concellos e asociacións para impulsar a comercialización e a competitividade da artesanía de Galicia, dos que se beneficia a Asociación Galega de Artesáns, e os Premios Artesanía de Galicia 2025, que visibilizan o potencial do sector artesán galego.