“Algúns xa dicían que iamos ser o Órdenes do ano pasado”

“Algúns xa dicían que iamos ser o Órdenes do ano pasado”
Plantel do Villalonga 2017-2018 co presidente Carlos Bouzada no centro da imaxe | villalonga cf

Leva só un par de meses ao fronte do Villalonga. Aínda que non lle gusta o cualificativo, foi o salvador do clube. Carlos Bouzada foi o único socio que deu un paso ao fronte logo de bastantes asambleas infrutuosas para evitar a desaparición da entidade. O barco segue a flote e a masa social xa disfruta co seu equipo, que pese a renovación case total do plantel empezou a liga moi ben.

Sorpréndelle o bo inicio de liga do Villalonga?
Non, supoño que a algúns si, xa que comentaban que iamos ser como o Órdenes da temporada pasada. Estamos contentos coa traxectoria, sabemos que temos problemas e que non é doado, pero isto acaba de empezar e é moi largo. Facer 4 puntos de 6, xogando co Barco e co Céltiga, é para estar moi contentos.

Que orzamento manexa esta temporada o Villalonga?
Uns 155.000 euros, incluíndo a base. O do primeiro equipo baixouse bastante. De todas formas as cifras non deben importar, cada un move o que pode en función dos seus recursos. O clube atravesa por uns momentos difíciles no plano económico. O noso obxectivo principal é rematar a temporada sen crear máis débeda, e logo tratar de quedar un ano máis en Terceira. O ano pasado tamén fomos dos presupostos máis baixos pero como no fútbol inflúen tantas cousas, no deportivo saiu ben. Demostramos que non só é diñeiro o que fai grande aos equipos, a maneira de traballar ou a calidade da xente tamén importan.

Dos últimos 30 anos, o equipo leva 22 en Terceira, como se lle explica aos socios que o clube está por riba das súas posibilidades?
É difícil. Vilalonga, por diferentes circunstancias, quedou un pouco aillada e non ten tantos recursos como outros equipos. Hai que resaltar a colaboración dun dos grandes presidentes, Epifanio Campo, fixo moitísimo por este clube, con esa colaboración todo era máis doado, hoxe en día os recursos xa non son tan grandes.

No deportivo, parece que César Sánchez continúa a liña de Antonio Fernández...
Eu non me meto nesas cousas, deixolle o mando completamente para que o adestrador faga á súa idea.

Na estrea na casa contra o Céltiga notouse que coidaron o campo este verán...
O campo está mellor, non o tivemos perfecto, porque para iso necesitamos moito persoal e un gasto enorme, pero quixemos poñelo decente para poder xogar, e case o tiñamos feito cando hai dúas semanas entrounos un fungo. Xa lle metemos tratamento e as manchas recupéranse.

Canta xente entrou nova na directiva?
Unhas dez ou doce persoas e segue parte da xente que estaba o ano pasado. Son xente da miña confianza. Eu noto unidade. A temporada é moi longa e un atravesa momentos difíciles, é cando che fai falta apoio e respaldo. Nos dous meses que levo hai moita xente que me trasmite o seu apoio e iso da ánimos para seguir con esta xestión.

Por qué hai asamblea o domingo 10?
Para informar aos socios da situación, de como se está a abordar a temporada, para telos informados e presentarlles a nova directiva.

Este domingo, un novo derbi, contra o Arosa na Lomba. Que sensacións ten?
Hai que afrontalo como é, tratar de saír o mellor parado que poidamos, son partidos de moita rivalidade e moi difíciles. O calendario é así, ao final hai que xogar contra todos.

“Algúns xa dicían que iamos ser o Órdenes do ano pasado”

Te puede interesar