Cabo de Cruz e CR Náutico de Ribeira, campións autonómicos

Cabo de Cruz e CR Náutico de Ribeira, campións autonómicos
Título e subcampionato galego para as tripulacións do Clube Remo Cabo de Cruz | cedida

O Clube Remo Cabo de Cruz na categoría masculina e o CR Náutico de Ribeira na feminina proclamáronse onte campións galegos de traiñas en Meira (Moaña). Os favoritos non fallaron. As dúas tripulacións arousanas chegaban ao Autonómico como os rivais a batir. Cabo, sexto clasificado na Liga Eusko Label (ACT), mantén a súa hexemonía en Galicia esta década logo do triunfo de Tirán na edición pasada de 2017. A tripulación boirense suma o seu cuarto título nos últimos cinco anos, que se engaden aos de 2006 e 2008 para chegar a seis bandeiras de campión galego.
Os boirenses remaron na última quenda nunha mañán onde o vento do sur foi o protagonista. Cabo de Cruz impúxose cun tempo de 20:13.67, tanto Ares, segunda a 23 segundos, coma Samertolameu, terceira a 27, superaron a Tirán, que perdeu medio minuto sobre Cabo para rematar cuarto. Mecos Isabel acabou quinto e gañou a segunda quenda cun tempo de 20:55.25, por diante de Mar de Bueu e CR Cuca Vilaxoán, que acabou cun tempo de 21:41.35 pero foi descalificado por entrar por estribor, de forma que Rianxo (21:51.01) acadou a sétimo posto no Autonómico. Amegrove foi noveno (22:00.55).
O Clube Náutico de Ribeira, que lidera a Liga Galega con pleno de triunfos, gañou a proba feminina a repetiu título por diante de Cabo de Cruz. Fixo un tempo de 11:18.47, conseguindo o seu particular triplete logo de gañar este ano tamén os Campionatos Galegos de Bateis e Traineriñas.
Pola súa banda as boirenses chagaron dez segundos máis tarde. A terceira praza foi para Salgado Perillo a 30 segundos das campionas. Mugardos foi cuarto e Cuca Vilaxoán quinto (12:49.64).
Os dous primeiros clasificados da proba masclina clasificanse para o Campionato de España que se disputa na localidade cántabra de Castro Urdiales os vindeiros días 4 e 5 de agosto.

Cabo de Cruz e CR Náutico de Ribeira, campións autonómicos

Te puede interesar