O Grove acolle este sábado a segunda edición do Campionato Galego de Barco Dragón, que será tamén o XXXVIII Trofeo Concello do Grove e o I Trofeo “De la Ría al Plato”. A regata presentouse onte. Está organizada polo CMDC Breogán e a Federación Galega de Piragüismo, contando coa colaboración do Concello e da empresa local “De la Ría al Plato”, que estivo representada no acto xunto ao alcalde, José Antonio Cacabelos; o Concelleiro de Deportes, Kito Parada; o Presidente da FGP, Fredi Bea; os representantes da AECC do Grove, así como representantes do CMDC Breogán e do equipo das Centolas.
A competición disputarase nun campo de regatas señalizadas por dúas ciabogas situadas a 500 metros, donde os dragóns deben dar dúas voltas completas, ata facer os 2.000 metros estipulados nun circuito entre o pavillón dos Deportes Náuticos “Tono Campos” e a ponte da Toxa. Inscribironse un total de 45 tripulacións de nove clubes galegos e comezará ás 10:30 horas. A última saída será ás 16:40 horas.
As regatas serán en formato contrarreloxo para embarcacións DB12 (dez padexeiros, un tambor e un timonel) e DB22 (vinte padexeiros, un tambor e un timonel”, nas categorías feminina veterano, mixto veterano, open veterano, feminino sénior, mixto sénior, open senior, paradragón (dragón inclusivo) e BCS (categoría de mulleres sobreviventes de cancro de mama). Xa que esta xornada será a segunda edición de “Padexadas contra o Cancro”, no que se recadarán fondos en favor da AECC do Grove, para o que haberá un posto da asociación instalado no paseo marítimo do Grove, ao carón da praia de Peralto. Dentro desta actividade e o remate co Campionato Galego, sobre as cinco da tarde, terá lugar a Cerimonia das Flores. Evento en recordo das mulleres e homes falecidos polo cancro e en apoio ás que loitan contra a enfermidade.