Gustavo César Veloso: “Fun un privilexiado. Conseguín máis do que nunca pensei que conseguiría”

Gustavo César Veloso: “Fun un privilexiado. Conseguín máis do que nunca pensei que conseguiría”
Gustavo posa xunto a algúns dos maillots que luciu durante dúas décadas de profesional | gonzalo salgado

Aos 41 anos e logo de 21 temporadas, Gustavo César Veloso deixa o ciclismo como corredor profesional. Aínda que seguirá ligado ao deporte da bicicleta, agora como director de equipo. Retírase o "Velhote", o ciclista arousán más importante da historia, con 600.000 quilómetros nas pernas. Un deportista admirado e respectado polo pelotón, humilde pero con carisma. E con moitísima clase e un palmarés extraordinario, aínda que non tivo a sorte do seu lado en moitos momentos destas dúas décadas que repasa nunha entrevista na que, por riba de todo, fala unha persoa de deporte, das que hai que escoitar e aprender.

- Vas a botar de menos a competición?
A competición non, o ambiente si. Tamén o saír a adestrar todos os días cos amigos, porque xa non son compañeiros de adestramentos. Con Marque levo toda a vida adestrando, outros como Delio ou Ángel (Sánchez) empezaron máis tarde porque son máis novos. Pero esa grupeta de adestramento de todos os días botareina moito de menos. Eu fun un privilexiado. Traballei en algo que me gusta. Para min non era un traballo e botareino de menos. Agora en vez de saír a adestrar sairei a andar en bicicleta e seguirei matando ese verme.


O deporte hai que miralo en conxunto: traballar a base e ter equipo arriba referente 




- Xa non vas a estar pendente do peso e dietas...
Cando levas máis de media vida controlando a alimentación e estando saudable un xa non cambia os hábitos alimenticios, xa collín algo de peso, pero non quero pasarme. A vida é máis que o ciclismo pero quero sentirme ben. Ao médico case nunca fun porque o meu sistema inmunolóxico gracias ao deporte responde. E iso quero mantelo. Non me vou pegar palizas na bici, pero seguirei facendo deporte porque o que é deportista éo toda a vida.

- En Portugal empezou todo e tamén remata agora. Fálame da túa relación co país veciño, onde recibiches máis homenaxes que en España e tamén que en Galicia.
Dende hai anos cando vou alí síntome coma un portugués máis. E así me tratan eles tamén. Non son un estranxeiro, son tratado igual que un portugués. Para min esa é outra vitoria máis. Este ano na Volta a Portugal recibín moitas mostras de cariño, de organizadores, público, compañeiros, rivais...É bonito. Quedoume un bo recordo deste último ano e non cambio iso por ningunha vitoria. Algo bo faría para que tivera ese recoñecemento, aínda que eu non fago as cousas para que me recoñezan nada. Fágoas porque son así. É o meu modo de vida e agradezo moito todas esas mostras de cariño. Tamén sei que en Galicia a xente tamén me quere moito, de feito dende setembro aínda non tiven unha fin de semana na casa porque sigo facendo eventos e cousas relacionadas co ciclismo.

- Cales foron os teus mellores anos a nivel físico e competitivo?
Eu creo que a miña carreira pódese dividir en dúas partes. A primeira ata o ano 2010, onde consigo as vitorias máis mediáticas e a nivel deportivo e económico máis importantes. E unha segunda parte en Portugal, logo de estar un ano sen equipo, onde teño que arrancar de cero outra vez e volvo ao nivel que tiña. Nesta segunda parte en Portugal creo que levo oito ou nove anos sendo alí un dos ciclistas con máis repercusión. Foron nove Voltas a Portugal nestes últimos anos con seis podios. Gañei carreiras todos os anos, dúas Voltas e sempre fun unha peza clave no equipo...

-Pero cal foi o ano no que sentiches que máis andabas sobre a bici?
Non podo dicir exactamente cando foi porque os anos en Portugal que gañei as Voltas se me soltan nun equipo World Tour estou seguro que estaría tamén pelexando por vitorias. Evidentemente non é o mesmo desputar unha Volta a Portugal, que cando se apreta quedamos dez, que unha Volta a Catalunya que cando se apreta imos trinta. As posibilidades de gañar son menos, pero moitas veces a diferencia é minima entre facelo ou non. En estes últimos nove anos estou seguro que gañaría cousas, pero a vida é como é. Tocoume correr en Portugal, centreime niso e o meu rendemento foi igual que cando corría a Volta a España, incluso un pouco máis porque xa tiña máis experiencia. Unha das cousas máis importantes foi que aprendín a controlar moi ben os tempos. Fun capaz todos os anos de chegar ao 100% á Volta a Portugal. O dificil non é coller a forma, senón collela no momento exacto. Iso aprendín a facelo pola experiencia previa. Tiña todo medido. Tres meses antes da Volta sabía canto tiña que pesar, con canto adestramento tiña que chegar, cantos días tiña que facer concentración en altura, con que carga...Esas cousas non as fas con 20 anos, dáchas a experiencia. Eu non creo que tivera un gran momento puntual de forma, fun bastante regular no tempo. Dende 2008 ata este ano, quitando o ano que estiven parado, o nivel que conseguín no meu obxectivo principal do ano sempre foi similar. Ás veces estás en forma e non saen as cousas, pero eu estaba ao mesmo nivel. Este ano, por exemplo, antes da Volta, subindo Xiabre por Abalo, que é onde teño o meu banco de probas, tardei un segundo máis que en 2016. Pódese dicir que estaba igual de estado de forma.



Vou dirixir a un equipo, pero o proxecto da escola de
ciclismo segue aí 



- Cres que sempre fuches un ciclista de nivel World Tour?
Si. Estou seguro porque os anos que corrín en España demostrei que tiña o nivel. E o palmarés está ahí. Despois tamén, porque tiña a mesma calidade física e mental, pero como todo na vida hai que ter ese puntiño de sorte e cando chegas a certa idade e saes do circo e moi dificil volver. Se logo da desaparición do Xacobeo se me abriran as portas dun equipo World Tour estou seguro de que as cousas serían diferentes. Tiven a oportunidade do Andalucía, pero pasou o mesmo e desapareceu. Tocoume unha época no ciclismo na que pasamos en España de ter unha ducia de equipos profesionais a chegar a estar só con tres equipos. Creo que me tocou a maior crise do ciclismo español. Dende que se retiraron Purito e Contador, e agora cando se retire Valverde, as vitorias españolas baixan. Por sorte parece que agora veñen rapaces que empuxan forte.

- Estás satisfeito coa túa carreira?
Eu pelexei por estar o máis arriba posible. Creo que conseguín máis do que nunca pensei que conseguiría cando pasei a profesional. E deixo a bici feliz, contento e satisfeito coa miña carreira. E sobre todo de poder vivir durante 21 anos da miña paixón, da xente que coñecín e dos sitios onde estiven. E sei que vou seguir vencellado ao ciclismo.

- Cal foi o día que peor o pasaches enriba da bicicleta?
Hai dous tipos de sufrimento. Está o físico, que pode ser porque vas ao límite ou tes unha caída e hai que seguir. E logo hai outro que é peor que o físico, que é o mental ou emocional. Eu recordo unha etapa no Giro de Italia, con final en Monte Petrano, que cheguei a meta e senteime na parte de atrás do autobús e choraba de impotencia. Son asmático e afectábanme moito as alerxias. Nesa etapa de montaña de 240 quilómetros con 6.000 metros de desnivel quedábame en cada porto ao comenzo. Non podía nin seguir o ritmo da grupeta. Recuperaba cando empezaba a subir e o aire estaba máis limpo, atopábame ben, pero logo repetíase o mesmo en cada val. Paseime toda a etapa indo e vindo da grupeta coi moitísima impotencia. Estaba ben de forma e cheguei ao Giro e era dos primeiros en quedarme. Ese sufrimento é peor que o físico. Ese día non o olvidarei nunca.

- E o caso contrario. O día que máis gozaches en competición?
Por sorte deses teño moitos tamén. Días nos que sinto que vou enchufado a unha rede eléctrica, que doulle e doulle e non parto o motor. Neses días se non gañas estás moi preto de facelo. Tamén os días de traballo, de tirar para un compañeiro e controlar o pelotón durante 170 ou 180 quilómetros.

- A túa carreira foi tan lonxeva por que empezaches tarde con 18 anos ou porque era o teu medio de vida?
Foi un cúmulo de moitas cousas. Empezar tarde fixo que tivera gañas de ser ciclista moitos anos. Tamén e o meu modo de vida, é a miña paixón. E tamén estiven tantos anos porque coideime, traballei e tiven sempre un equilibrio entre a preparación física e mental sen comprometer a saúde. E hoxe en día hai moitos máis medios e os adestramentos evolucionaron. Non se adestra sin ningún sentido nin de adestra de máis ou de menos. Todo está medido. Fas menos quilómetros, todo ordenado e tamén se coñecen máis cousas da alimentación. Xa non se corren 110 días ao ano, senón 80 ou 90. Eu atopei un bo equilibrio no que se deron todas as condicións. Para min correr en Portugal ao lado da casa foi fundamental, como facelo tamén durante só 50 ou 60 días ao ano. Por todo iso tamén alarguei a miña carreira.


Eu non escollín o ciclismo, enganchoume e escoulleume o ciclismo a min 




- E agora qué? Todo indica que dirixirás a un equipo en Portugal, pero segue en mente o de montar unha escola de ciclismo en Arousa? Traballarías a prol deporte se te chamaran dalgunha institución pública?
O mundo da política non me gusta. Houbo épocas nas que me chamaron e rexeitei esas opcións. Non me gustaría ser un político, pero si estaría disposto a asesorar e dar a miña visión e coñecementos sobre o deporte, tamén a nivel empresarial. Véxoo como un traballo, aínda que nunca tiven esa oferta. Sobre a escola de ciclismo, segue aí o proxecto. O problema é o tempo. Non quero facer unha escola que dure un ano ou dous, senón facer algo estable, que se manteña e que teña boas condicións para que os nenos estén ben atendidos. Teño o proxecto creado e estou nunha fase na que primeiro teño que encamiñar o meu futuro laboral e logo dedicar tempo á miña familia a a este tipo de cousas. Non vou a facer unha escola de ciclismo para que sexa o meu modo de vida, senón porque creo que fai falta aquí en Vilagarcía. O ciclismo doumo todo e será unha maneira de devolver o que recibín como deportista. Ademáis creo firmemente que hai que fomentar o deporte e apoialo. Se o deporte forma parte da vida e bo para a sociedade e para cada persoa. O deporte é unha válvula de escape a nivel mental e é saudable. Hai que facer deporte toda a vida. É o quero inculcar na escola de ciclismo, que non deixen o deporte con 18 anos.

-Levamos anos escoitando aos teus directores de equipo, como Álvaro Pino, dicindo que tí serías un gran director. Todo fai indicar que empezarás nese cargo en 2022 en Portugal...
Eu teño claro que me gustaría dirixir. Teño alguna porta aberta e case seguro que me vou subir ao coche o ano que vén. Ningún director debería plantexarse vitorias. Eu creo que hai que pedirlle aos corredores traballo, disciplina, actitudes e imaxe. Se se fai todo iso chegarán os resultados, aínda que pode haber un rival que sexa mellor ca ti e non queda outra que felicitalo, porque iso é o deporte, non son matemáticas. Tamén é verdade que non é o mesmo dirixir a un equipo cheo de figuras que de rapaces. Aos rapaces hai que formalos e darlles tempo. Eu quero inculcar unha filosofía de traballo e facer medrar aos corredores máis novos, sendo sempre realistas e fixando obxectivos que sexan alcanzables.

- Volve a Volta a Galicia, pero hai futuro para os corredores aquí ou terán que seguir facendo as maletas?
É verdade que falta un equipo profesional no que se miren todos os rapaces e a canteira. En Galicia faltan referentes, eu sempre defendo que o deporte ten que ser tratado como unha soa cousa. Non se pode separar o deporte de base e o deporte profesional, porque este último é o espello da base, onde a base quere chegar. E a súa vez o deporte profesional nútrese da base. De nada vale ter unha base enorme e traballala moi ben se logo non tés nada arriba e os rapaces chegan a certas idades e abandoan. Tampouco vale de nada ter un equipo profesional sen corredores abaixo que veñan empuxando e teñas que ir a buscalos fora. Hai países pequenos con poboacións menor ca española onde o deporte é un modo de vida e teñen máis resultados porque o teñen todos. Traballan a base e traballan arriba. Por exemplo, en ciclismo a categoría que menos habería que traballar é a elite-sub23. Un xuvenil que pasa que é bo vai buscar un equipo onde correr. Xa ten a ilusión de chegar a profesional. Evidentemente ten que haber equipos. Ás veces invístese moito nesta categoría e téñense as escolas de cadetes e xuvenís descoidadas. O mundo do deporte hai que miralo nun conxunto, non por separado. Traballar a base, si, pero tamén con equipos arriba como referentes. Se falla algunha das dúas patas, non funciona.

- Que opinión tes do carril bici en Vilagarcía?
Escoito críticas e eloxios. Non se pode contentar a todo o mundo. É unha cuestión de tempo e de educación. A xente ten que aprender a convivir con isto. Se non fan o carril a xente non colle a bici porque é perigoso. É así. Temos que mirar a outros sitios onde existen estas infraestruturas e ver como foron evolucionando e hoxe en día a sus mobilidade en moitas cidades xa alcanza o 50% en bicleta. Isto é sinxelo. Se a xente se desplaza en bici hai menos coches, polo tanto máis sitio para aparcar e unha circulación máis fluida. Iso non se vai conseguir nun ano ou en dous, tardará porque é unha cuestión cultural. Pero se non se fai a infraestrutura non se vai conseguir. O que está claro é que o futuro pasa por isto. A mín paréceme moi ben que se faga. 


Nun equipo World Tour estou seguro que estaría tamén pelexando por vitorias 




- Voltando ao ciclismo profesional. Están saíndo moitos xóvenes con talento. Quen cres que vai a ser o gran dominador da década?
É dificil acertar. Eu vin corredores moi bos que arrancaron moi forte e logo estancáronse. Está claro que Pogacar agora menos destaca sobre o resto e xa leva dous Tours gañados. Isto non significa que dentro duns anos apareza outro mellor. Pasou con Ulrich, gañou un Tour con 21 anos e non volveu gañar outro porque apareceu Armstrong. Ao marxe de todos os problemas que houbo coa dopaxe, porque as condicións nas que corrían eran iguais. Ían todos igual. Ulrich ía recoller a testemuña de Indurain e só gañou un Tour. Foi un ciclista potente e con moita clase, pero apareceu outro. En España veñen rapaces con talento como Juan Ayuso, pero non sabemos como vai a evolucionar. Ou Carlos Rodríguez e os irmáns García. Agora hai unha moda na que o deportista con 19 anos xa ten que ter un nivel altísimo, pero non sei ata que punto esa proxección se pode cortar por apretalos de máis tan novos. Eu creo que ninguén o sabe.

-Nestas dúas décadas, quen foi o corredor que máis che impresionou?
Ulrich impresionaba. Máis que Armstrong. Tiña un físico poderoso e moita forza. Tamén me marcou Freire, un corredor que en España non se soubo valorar, pero era elegancia enriba da bicicleta. Colocábase para un sprint de forma completamente limpa, non metía un codo. Cando te dabas conta xa estaba no sitio e gañaba. Era un espectáculo velo correr. Por suposto Valverde, que é para facerlle un monumento. Un gañador, da igual que sexa unha crono, un final en alto ou un sprint masivo. Tamén me pareceu espectacular Cancellara...Son moitos anos e seguro que se me quedan moitos atrás.

- Que carreira que non corriches che gustaría ter corrido?
Con 25 anos diría seguro que o Tour, porque é a que me falta. Pero agora xa non penso tanto niso. Se me deran a escoller entre correr un Tour ou Flandes, Paris Roubaix, Lieja... quédome coas clásicas, que nunca puiden correr. O Tour é outro mundo, toda xente coa que falo o di, sobre todo por repercusión. Pero eu corrín Giro e Volta. Se me deran a elixir correría unha clásica desas, creo que foi o que faltou. Pero para atrás non se pode volver e eu estou contento co que fixen, que corredor que fun e como orientei a miña carreira deportiva. Ata aquí cheguei.

- Gustariache que os teus fillos foran ciclistas profesionais?
O que lles intento inculcar é que teñen que facer deporte. Nas dúas vidas ten que existir o deporte por moitos factores. O meu obxectivo principal é que gozen facendo deporte. Logo se algún deles quere practicalo en serio ou profesionalmente algún día, eu apoiareinos. Pero dáme igual que sexa ciclismo, atletismo, natación o xadrez. Iso dá igual, ao final o que quero é que o deporte forme parte da súa vida, sen dicirlles que teñen que ser profesionais. Eu de rapaz practiquei atletismo, natación, fútbol, balocesto...eu non escollín o ciclismo, o ciclismo enganchoume e escoulleume a mín.

Gustavo César Veloso: “Fun un privilexiado. Conseguín máis do que nunca pensei que conseguiría”

Te puede interesar