O Natación Boiro fai a súa presentación respaldado polo Concello e os seus patrocinadores

O Natación Boiro fai a súa presentación respaldado polo Concello e os seus patrocinadores
O clube presenta un ambicioso proyecto para esta temporada

O Salón de Plenos do Concello de Boiro acolleu a presentación da tempada 2022/2023 do Club de Natación Boiro. Na presentación estiveron a concelleira de Deportes, Dores Torrado; o presidente do Club, Rafa Pérez; o director técnico, Carlos Brión; e Marga Hermo, directora de relacións institucionais de Jealsa, e Antía Romero, da Clínica Dental Rebeca Ozores; principais empresas patrocinadoras.

A concelleira de Deportes, Dores Torrado, eloxiou o traballo e a implicación do Club e o esforzo do equipo directivo e as familias que “fai que dia a dia se sigan formando rapaces e rapazas que acadan grandes logros deportivos”. “Isto débese tamén á implicación das empresas privadas e o Concello, esta unión para financiar actividades e mellorar as instalacións deportivas é o que nos fai acadar grandes éxitos en todas as categorías”.

O presidente do club, Rafa Pérez, mostrou o seu agradecemento ás familias, equipo directivo, adestradores, Concello e empresas patrocinadoras xa que “o traballo e o compromiso é o que conduce ao éxito e aos grandes resultados e o que nos fixo poñernos no mapa da natación galega”. Aproveitou a súa intervención para solicitar o apoio e que a piscina municipal de Boiro poida estar homologada para que “a evolución deportiva non teña límites”.

“Os rapaces e rapazas do club de natación tedes un gran futuro por diante, así que non teñades medo. A competición é moi importante para a formación”, recoñeceu o director técnico do club, Carlos Brión. Marcouse como obxectivos para esta tempada aumentar o número de licencias e seguir formando as categorías base para manter os logros e a participación acadadas a tempada pasada.

No acto, no que participaron os membros do club e as familias, tiveron un papel protagonista as empresas patrocinadoras, representadas por Jealsa e Clínica Dental Rebeca Ozores. Marga Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa destacou a cantidade de nenos e nenas que fan deporte en Boiro, “é para nós un orgullo poder acompañarvos e que os nenos e nenas poidades practicar o deporte que vos gusta, que o pasedes ben e que medredes de forma sa e construíndo unha sociedade mellor”.

Pola súa banda, Antía Romero, da clínica dental Rebeca Ozores, destacou o agradecemento de poder formar parte dun proxecto como o do Club de Natación Boiro e “desexamos que sexa unha gran tempada, de grandes logros, e que poidades desfrutar día a día das metas acadadas”. 

O Natación Boiro fai a súa presentación respaldado polo Concello e os seus patrocinadores

Te puede interesar