Real Madrid, Valencia, Baskonia e Breogán: EncestaRias presenta o mellor cartel da súa historia

Real Madrid, Valencia, Baskonia e Breogán: EncestaRias presenta o mellor cartel da súa historia
O Real Madrid repite en Pontevedra, está vez para xogar dous partidos

O Torneo EncestaRías anuncia o seu mellor cartel dende que arrancou o torneo en Vilagarcía hai unha década. Establecido xa en Pontevedra, o evento que organiza a asociación arousá reunirá este ano en setembro a Real Madrid, Baskonia, Valencia Basket e Río Breogán. Tres equipos de Euroliga entre os que están os vixentes finalistas da Liga ACB para consolidarse como o mellor torneo de pretemporada de Galicia, España e practicamente de Europa os días 19 e o 20 de setembro.

 

O torneo afiánzase definitivamente en Pontevedra ante a falta de capacidade do pavillón Sara Gómez para acoller a máis de dúas mil persoas, que son as que se esperan nesta nova edición.

 

Se a novena edición contou coa histórica presenza do Real Madrid no denominado "Dream Game" contra o Mónaco xusto antes do torneo, a asociación organizadora fideliza ao campión de liga e equipo máis laureado de Europa, que volve para participar xa dentro do evento e xogará dous partidos. A semifinal e a final ou o tercer e cuarto posto no pavillón municipal de deportes da capital do Lérez.

1000069394
Cartel da décima edición do torneo 

 

Á participación do equipo dirixido por Sergio Scariolo hai que engadir a presenza doutros dous equipos máis da Euroliga, Baskonia e Valencia Basket. Deste xeito, o evento rompe o seu propio teito co mellor cartel da súa historia. E é que tres dos mellores 20 equipos do baloncesto continental enfrontaranse en Pontevedra a só 7 días do inicio da tempada oficial. 


Cabe lembrar ademais que Valencia e Real Madrid veñen de disputar hai apenas un mes a final da liga Endesa ACB.

 

O equipo que adestra Pedro Martínez está a configurar un gran equipo para o seu retorno á Euroliga e na que será a tempada da estrea do gran Roig Area, un pavillón para máis de 15.000 persoas e que será o máis moderno de Europa e ao máis puro estilo NBA.

 

Tamén o Baskonia está a xuntar un plantel que quere levar ao clube á pelexa por todos os títulos. Un histórico do baloncesto que xa suma 25 tempadas consecutivas competindo na Euroliga.

 

Fieis á súa esencia de enfrontar ao mellor baloncesto galego ante os mellores clubs foráneos, o Río Breogán de Lugo tamén estará en Pontevedra como único representante autonómico na elite do baloncesto español. Un equipo, o lucense de Luis Casimiro, que apunta a consolidarse na ACB cun equipo moi mellorado  e co apoio dunha das catalogadas como das mellores afeccións do país.

 

Ademais do enorme cartel configurado, que pon en valor o décimo aniversario, a organización traballa en máis sorpresas para realzar un evento deportivo que creceu “paso a paso grazas ao apoio público e privado, pero sobre todo grazas á demanda crecente dos afeccionados ao baloncesto”.

 

Venda de entradas

A asociación EncestaRías apunta que a venda de abonos e entradas para cada unha das dúas xornadas por separado comezará o 1 de agosto de maneira en liña. Poderase realizar de maneira virtual a través da plataforma Ataquilla de Abanca.


A venda física arrincará uns días despois nas tendas de deportes Goleada de Pontevedra e Mobu en Vilagarcía. A organización avisará con antelación do inicio da venda física.

Real Madrid, Valencia, Baskonia e Breogán: EncestaRias presenta o mellor cartel da súa historia

Te puede interesar