Sergio Álvarez: "Quedoume a espiña cravada de retirarme no Arousa e xogar no Catoira"

Sergio Álvarez: "Quedoume a espiña cravada de retirarme no Arousa e xogar no Catoira"
Sergio Álvarez é o padriño da segunda edición da Ramiro Carregal Soccer Cup / Mónica Ferreirós

Sergio Álvarez (Catoira, 36 anos) encarna todos os valores do deporte: compromiso, compañeirisno, honestidade, respecto, esforzo...O gato de Catoira retirouse do fútbol profesional hai case dous anos por culpa dunha lesión de xeonllo. Deixando atrás unha longa e destacada traxectoria como futbolista, con 186 partidos desputados co RC Celta, clube no que é un dos porteiros máis importantes da súa centenaria historia. A súa nova vida despois do fútbol é tranquila. Sergio segue a ser a mesma persoa humilde e disposta a colaborar en iniciativas como o torneo internacional cadete do San Martín, exercendo de padriño da segunda edición da Ramiro Carregal Soccer Cup que se leva a cabo esta Semana Santa en Arousa.

 

De que forma continúas ligado ao fútbol?

Pois teño a escola de porteiros que leva a o meu nome a través da Fundación Celta. É un par de días á semana e intento ir cando podo porque agora trato de gozar da vida familiar. Teño unha nena de catro anos e outro de 18 meses. Quítanme bastante tempo e a verdade é que estou encantado de estar con eles. Poder adicarlles tempo nesas idades é moi importante para min. Tamén intento colaborar e axudar en calquer evento que me necesite e intentar axudar dende a miña figura.

 

Tamén estás de comentaristas nos partidos televisados do Celta. Como está a ser esta experiencia?

Estou comentando os partidos con DZAN sobre todo en Balaídos. É unha experiencia nova que me gustou, sobre todo porque me recibiron cos brazos abertos os compañeiros. Non esperaba esta proposta, sorprendeume. Estou encantando porque falo do que máis me gusta, que é o fútbol. Ademáis estou a coñecer tamén a toda a cantidade de xente que se move por detrás do fútbol, cando era xogador non sabía todo o que hai detrás e o que move.

 

Fisicamente como estás? Podes facer algo de deporte?

Agora estou un pouco mellor. Fai un ano que me volvín a operar. Antes tiña moitas limitacións e sobre todo moita dor. Non podía estirar o xeonllo. Operoume o doctor Cota e a partir de aí fixen unha rehabilitación lenta, sen présa e sen marcarme prazos. O obxectivo era ter unha vida diaria cómoda e agora estou moito mellor, o xeonllo non me doe diariamente. Vou a un ximnasio para seguir fortalecendo e o único deporte que practico é un pouco a bicicleta porque é menos agresivo para o xeonllo.

 

Na escola de porteiros, a lesión límitate para adestrar cos rapaces?

Si, si. Á hora de arrancar ou botar unha carreira rápida para min é imposible. Incluso intento golpear o balón o menos posible porque sei que ao día seguinte o xeonllo vaise resentir. Intento estar cos nenos e axudarlles, darlles o meu punto de vista pero á hora de facer os exercicios hai unha persoa que está conmigo que é a que máis fai e eu fago un traballo máis de observación. Moitas veces me din que me poña de porteiro, pero non quero facelo porque me vexo moi limitado e quero que recorden a imaxe que tiñan de min como porteiro. Esta é unha situación na que me teño que adaptar. Creo que teño que valorar máis positivamente o que me deu o fútbol co que me pode quitar esta lesión. 

 

Tes todos os niveis e cursos de adestrador, cando vas a dar o paso para exercer?

Teño todos os cursos e fíxenos porque me gusta. Creo que agora mesmo estou nunha etapa da miña vida onde intento gozar da miña familia porque todos sabemos que o mundo de adestrador é bonito. Algún día o probarei, pero é certo que quita moito tempo de estar cos teus fillos, que medran moi rápido. Cando sexan maiores non descarto probar como adestrador e xa veremos que pasa. Tamén o Celta me propuxo cousas para traballar con eles na Madroa e as estou valorando, aínda que o máis importante e poder estar tempo coa miña familia nestes momentos.

 

Agora que xa pasou un tempo dende que deixaches de xogar, como valoras a túa carreira con perspectiva?

É certo que cando estás xogando estás moi metido na dinámica e non valoras o que estás facendo. Despois de deixalo e unha vez pasou o tempo e o penso, síntome moi orgulloso de todo o que conseguín. Se me din cando era un cativo e xogaba aquí no Arousa que ía a conseguir xogar en Primeira División, que ía a ascender co Celta e que ía a xogar en Europa e coa Selección Galega, obxectivos que eran máis que un soño...Custoume moito traballo e esforzo por iso valoro toda a miña traxectoria e estou moi orgulloso dela.

 

No teu caso, ata que punto cres que foi importante a túa mentalidade de traballo para ter unha carreira profesional tan brillante?

Eu creo que hai que ter cualidades porque se non, non estás ahí. E logo nos momentos complicados esa mentalidade de seguir traballando e crer que podes conseguilo axuda moito. A miña mentalidade sempre foi traballar no día a día e a partir de aí intentar conseguir os obxectivos e ter agora a conciencia tranquila de que fixen todo o que estaba nas miñas posibilidades para chegar ao máximo. Conseguín máis do que eu soñaba gracias a todo ese esforzo e a miña cabezonería nos momentos difíciles de querer ser futbolista profesional.

 

Máis alá de estar coa familia, en que ocupas agora tanto tempo libre que deixa o fútbol?

Cos cativos estou moito tempo. Unha vez á semana salgo en bicicleta, vou ao ximnasio para fortalecer e fago as cousas na casa e a comida. Tamén teño unha pequena horta na que traballo algo.

 

Onde estás afincado?

En Vigo. Mercamos alí unha casa e estamos moi contentos porque temos a vida nun sitio que nos gusta para os nenos. Valoramos moito a liberdade de vivir nunha casa e non nun piso na cidade. 

 

Agora que xa non xogas, botas en falta a fama?

Non, para nada. Eu son unha persoa que me gusta pasar desapercibida. Non me gusta chamar a atención. Sei que ao cabo duns anos coñeceranme catro que son maiores porque para os cativos, que viven o presente, deixas de ser unha persoa coñecida. É algo que xa noto agora cando vou á Madroa. Os cadetes aínda se acordan, pero os pequenos xa non. É normal.

 

Que espiña quedou cravada que non puideras facer ao final da túa carreira pola retirada obrigada pola lesión?

Pois mira, a de retirarme no Arousa e a de xogar algunha vez no Catoira, porque nunca xoguei no Catoira. No caso do Arousa falárao xa hai moitos anos con Rafa Sáez cando estabamos no Celta. Comentabamos que algún días tiñamos que volver ao Arousa. El volveu con moito éxito. No meu caso quedoume esa espiña cravada sobre todo polos anos que pasei no clube, que foron moitos dende cativo. Foron moitas horas de viaxe de Catoira a Vilagarcía en autobús. Teño compañeiros de cando xogaba aquí. Os anos de cativo son inesquecibles porque coñeces a persoas que son amigos para toda a vida. Pero hai cousas que non podes controlar como son as lesións, hai que adaptarse ao que toca, neste caso a unha lesión irreversible, e gozar dos teus.

Sergio Álvarez: "Quedoume a espiña cravada de retirarme no Arousa e xogar no Catoira"

Te puede interesar