Carlos Viéitez | “Nunca pensei que me expulsarían do PP. Pero os veciños están antes que as siglas”

Carlos Viéitez | “Nunca pensei que me expulsarían do PP. Pero os veciños están antes que as siglas”
Carlos Viéitez elixe como persoeiro destacable ao pintor Joaquín Sorolla | Y.P.

Carlos Viéitez é veciño de Xil e ten 55 anos. Foi xuíz de paz e técnico na Mancomunidade do Salnés. En 2019 fichou como candidato do PP, que gañou as eleccións, pero perdeu a maioría absoluta. As matemáticas suxerían que MI e PSOE poderían apartalo do bastón de mando, pero non houbo acordo, polo que foi alcalde na investidura, ao ser a súa a lista máis votada. Logo, o seu grupo facilitaría un vogal ao PSOE para a Mancomunidade, o que terminou decantando a presidencia daquel órgano comarcal en favor dos socialistas. Foi expulsado do PP por aqueles feitos e hoxe concorre ás eleccións baixo un novo partido independente, Veciños de Meaño.

 

O inicio do mandato foi moi convulso. Como o viviu vostede?

Eu tiña experiencia na administración local e a xestión encántame. Pero si, na parte política, era novo. A verdade é que me resultou bastante difícil. Denunciaron (refírese ao expediente que lle abreu o PP e que remataría coa súa expulsión) polo tema da Mancomunidade, pero eu teño claro que hoxe volvería facer o mesmo.  Primeiro son os veciños e logo son as siglas. Temos suficiente capacidade de xestión para que ninguén veña de fóra a dicirnos como temos que facer. Logo, comezamos coa modificación puntual número dous, para o desen­volvemento do polígono. Aí tamén nos entraron por todos os lados. Pero foi un gran acerto.

 

Houbo pacto co PSOE?

Non. Non foi un pacto co PSOE, está mal explicado. Hai órganos colexiados e, neles, están sempre representados os tres grupos. A Mancomunidade é un órgano máis. Non vou coller un voto para min e deixar aos outros sen representación.  

 

Pero as directrices do PP eran que non podían vostedes votar contra o propio partido, dándolle votos ao PSOE. E aínda que a votación foi secreta, as contas daban que alguén do PP tivo que votar polo PSOE.

Non daban. Pero o que se me pedía a min entón, que era? ‘Deixa ir o Concello pola Mancomunidade’? Iso non o faría ninguén con sentido común. E eu tamén pregunto: Por que Meaño ten que ser responsable da Mancomunidade?

 

Porque era quen podía decantar.

Pero por que non se lles piden responsabilidades (aos candidatos populares) nos demais concellos? Houbo un desastre no PP na comarca do Salnés. E por que Meaño ten que ser responsable? Se nos outros concellos tivese máis representación o PP, Meaño non influiría para nada.

 

Cando intuíu que ese paso podía supoñerlle a expulsión do PP?

Nunca pensei que puidese supoñer esa expulsión.

 

Foi duro?

Si, a etapa do inicio foi durísima.

 

Cando viu que podía controlar a situación? Cando o expulsan do partido, pero todos os concelleiros do grupo tamén se van con vostede?

Efectivamente. Nós tiñamos un equipo sólido, para traballar. Todos estabamos de acordo coa forma de xestionar e uniámonos. Nós non permitiamos que viñera alguén de fóra a implantar o sistema. Creo que ninguén o faría. Nós temos que gobernar Meaño. E cada un terá que gobernar o seu Concello. Así de simple.

 

Volveu falar con Gonzalo Durán?

Non. Non temos relación.

 

Houbo algún intento de integración con MI ou co PP?

En abosluto.

 

A nivel de xestión, do feito, como valora este mandato?

Foi intenso, difícil e complexo, no que diferencio dúas etapas. A primeira, orientada a temas sociais e, a segunda, a obras e eventos. Nunca tivo Meaño tantas obras en tan pouco tempo. Nin tantas citas culturais, musicais e deportivas.

 

A primeira estivo marcada polo covid, imaxino.

Si. O ben máis prezado é a saúde. E o tema do covid foi duro. Agradezo publicamente as axudas dos veciños, que che poñían a pel de galiña. En temas de desinfección, repartir máscaras... En momentos difíciles é cando ves a humanidade das persoas.

 

O auditorio ía no anterior programa e déronse pasos neste mandato. Cal é a situación agora?

Meaño é terra de viño e de músicos. Dedicamos bastantes recursos á banda, que era quen demandaba máis o auditorio. Comezamos co sistema para evacuar o radón do local. E, logo, na parte de arriba, reformamos o palco. Creo que están encantados. A longo prazo, comprometemos o auditorio. Inicialmente proxectámolo para Dena, pero cando accedín á Alcaldía pedíronme que non quitara a banda de Meaño. Entón, buscamos terreo aquí e apareceu un céntrico, a carón do centro médico. O seguinte paso foi facer o plan especial, que debe de estar a piques de rematar. E, desde aí, queda deseñar o edificio e buscar recursos para a súa construcción.

 

Falamos do auditorio e da modificación urbanística do polígono. Que máis destacaría deste mandato e que queda por facer?

Houbo moitas inversións en humanizacións. Entorno da igrexa de Simes, Padrenda, Cobas, capela das Angustias, rúas novas en Dena e Lores, licitamos a subida cara San Benito, melloramos a praza en Dena, licitamos o pump track, mercamos dous terreos cara a saída ao mar, onde temos un proxecto duns 800.000 euros, para o que estamos a tramitar a concesión con Costas, xustamente, para abrir Dena ao mar...  Hoxe estamos tamén cun plan de pavimentacións de máis de 800.000 euros e no vindeiro mandato queremos mellorar os viais cara os polígonos. Imos seguir co cambio do alumeado: Comezamos cun 18 % de luces led e agora estamos nun 85 %. A final de ano queremos chegar ao 100 %. Hai que destacar tamén a recuperación da Festa do Viño: Coido que foi un éxito e queremos mantela. 

 

 

Imaxes da nenez na Lanzada que evoca Sorolla

O candidato elixe ao pintor Joaquín Sorolla. “Encántame”, “sempre que vou a Madrid, tento ir ao museo”. O “pintor da luz” inmortalizou “familias na praias”, cadros que a Viéitez tráenlle “recordos de cando era neno”. “Iamos todas as familias á praia da Lanzada. Alí atopabas aos veciños, vías compañeiros do colexio, xogabamos partidos, comiamos alí... Había un fotógrafo, que inmortalizaba ás familias na praia. Incluso había unha liña específica de autobús”. Era “un sistema de vida que nos encantaba a todos”. Non é casual que fale do encontro cos “veciños”, a palabra que elixía para a entrevista coa pizarra, nestas páxinas, hai catro anos. E o nome co que bautizou ao seu partido.

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Matías Cañón, candidato do PP de A Illa]

Carlos Viéitez | “Nunca pensei que me expulsarían do PP. Pero os veciños están antes que as siglas”

Te puede interesar