Juan Manuel Rey | “Hai elementos que deixan claro que este foi o mellor mandato da historia”

Juan Manuel Rey | “Hai elementos que deixan claro que este foi o mellor mandato da historia”

Confesa que para implicalo a el na política fai falla moi pouco esforzo e que por iso acepta o novo reto de presentarse á reelección para seguir na Alcaldía – chegou aí por primeira vez no ano 2006– outros catro anos máis. O socialista Juan Manuel Rey asegura que se presenta cos deberes feitos e coa intención de volver conseguir a maioría absoluta.

 

Había rumores sobre a súa retirada. Que o animou a volver a presentarse?

Eu ao día seguinte de que Juan Arzúa chegase á secretaría local do partido puxen o meu cargo a disposición da executiva. Eu entendía que os meus obxectivos estaban cumpridos e que o meu goberno fixera o mellor mandato da historia de Caldas. Por min tiñan as mans libres para facer o que quixeran. Foi aí cando tanto a dirección provincial como a galega insitiron en que fose eu e como fai falla pouco para convencerme decidín dar o paso. Fun elixido por unanimidade e eu entendín que non ía impoñer ningún nome e que era un proxecto novo cunha renovación, como así foi.

 

Unha renovación na que non se contou con Manuel González, que sempre estivo no seu equipo...

O proceso de renovación acadou os termos que a executiva quixo. Manuel González é un activo importantísimo no partido  a nivel político e xogará outros papeis.

 

No rural queremos darlle unha segunda vida aos centros sociais e poñer en marcha casas para as persoas maiores como a que xa funciona en Saiar

 

 

Esté último foi un mandato marcado pola pandemia con todo o que iso implica, pero que destacaría da súa xestión nestes últimos catro anos?

Pois destacaría a propia xestión da pandemia. Non houbo nin un só veciño que non me dixera que a actuación foi brillante e incluso dende a oposición non se puxeron reparos. Levamos a cabo responsabilidades que non nos correspondían e sacámolas adiante con dignidade. A nivel de proxectos temos unha Vía Verde, unha Escola de Música que nos dá moitos éxitos, as melloras no campo de fútbol e acabamos de mercar unha parcela de sete hectáreas en Rabexe. Son elementos que deixan claro que foi o mellor mandato da historia.

 

Falemos de cuestións que levan anos nos programas e que non se dan materializado como son as pozas termais da Tafona...

As pozas están rematadas e a obra executada. Non se pode inaugurar porque estamos nas datas que estamos, pero faremos unha xornada de portas abertas e poderían estar funcionando en 3 ou 4 meses. Estamos en situación de ir por un novo pacto termal e quixeramos retomar as relacións cos balnearios da vila para facelos partícipes.

 

O PSOE plantea unha xestión pública das pozas ou privada?

Non temos máis interese por unha que pola outra. A min gustaríame que fosen os propios balnearios os que tivesen un papel clave na súa explotación. Acabamos de descubrir que á altura das pozas hai un novo pozo termal que ofrece posibilidades altísimas. O que queremos é reunirnos co tecido económico da vila para contar con eles nisto e se a plusvalía queda no pobo, pois mellor que mellor.

 

Outra materia pendente, o centro de saúde. Será unha realidade a curto prazo?

Pois vai depender da vontade da Xunta de Galicia. O Concello fixo os deberes poñendo unha parcela e tendo todos os informes favorables de Carreteras, de Patrimonio, de Urbanismo etc. Toda esa documentación se lles remitiu e estamos á espera da firma dun convenio dende hai tempo. A demora será a que a Xunta queira.

 

Neste mandato realizáronse humanizacións en diferentes rúas, pero a de José Sesto quedou paralizada cunha evidente preocupación dos veciños.

A empresa non cumpre e é normal que os veciños estean preocupados. Eu deille un ultimátum á adxudicataria e dixéronme que retomarían as obras estes días. Non é a primeira vez que me enganan, así que se se dan os prazos falarei cos técnicos e tomarei as decisións que haxa que tomar, como xa fixemos en cousas semellantes rescindindo o contrato. Pido perdón aos veciños afectados, porque entendo o que implica sobre todo para os negocios que hai alí.

 

Fala de que foi o seu mellor mandato, pero hai zonas do rural que seguen sen saneamento pese a estar comprometidas dende hai xa moitos anos.

Os veciños saben perfectamente que este alcalde se implicou ao máximo nese asunto. Os pasos están dados, a financiación haina e só falta que o pleno o aprobe.

 

Cales son as propostas do PSOE para o próximo mandato?

Hai algunhas que xa están concedidas relacionadas coa reforma urbana. Concretamente a que implica ao entorno da capela de San Roque e a esa rúa, así como a rúa Gayoso ou o Campo da Torre. Tamén -grazas á implicación veciñal- as mellores nas rúas A e B de Souto María López. Tamén esperamos que a Variante tan desexada avance neste mandato e temos tamén os cartos para un parque infantil de última xeración na Plazuela que terá como motivo central unha homenaxe ao Camiño de Santiago.

 

E para o rural?

Pois no rural queremos darlle unha segunda vida aos centros sociais poñendo en marcha casas para as persoas maiores como a que xa funciona en Saiar. En Caldas -sobre todo no rural- hai moitísima xente maior que vive sola e así poderían ter un lugar no que estar -a modo de centro de día- sen sacalos do seu hábitat habitual. No caso de Saiar funciona moi ben e queremos seguir explorando esas posibilidades.

 

Leva dende o ano 2006 como alcalde e no último mandato perdeu votos e non obtivo maioría absoluta. No caso de que iso volva a acontecer, está aberto aos pactos o Partido Socialista?

Eu aspiro a obter a maioría absoluta coma sempre, despois o 28 de maio pois xa se verá o que pasa. As cousas a priori pintan ben, pero non me gusta vender a pel do animal antes de darlle caza. A preocupación tena que ter o Partido Popular e o seu candidato, porque sabe que unha nova derrota poñerao fóra da política. 

Juan Manuel Rey | “Hai elementos que deixan claro que este foi o mellor mandato da historia”

Te puede interesar