O PP sobe once puntos e o BNG sitúase como terceira forza tras adiantar a Sumar en Cambados

O PP sobe once puntos e o BNG sitúase como terceira forza tras adiantar a Sumar en Cambados

Cambados non foi alleo ao incremento de votos rexistrado polo PP na noite electoral do domingo. O partido de Alberto Núñez Feijóo volveu a ser primeira forza e subiu en todas as mesas electorais, mentres que o PSOE e mais Sumar mantiveron o tipo, aínda que baixaron algo máis dun punto con respecto aos anteriores comicios. Tamén o BNG obtivo un mellor resultado e de feito, adiantou a Sumar, situándose nesta ocasión como terceira forza.  O peor foi para Vox, que caeu en algo máis de tres puntos. 


Un total de 8.799 cambadeses acudiron á cita para elexir novo goberno en España, o que supón 742 máis que na anterior. De feito, a participación aumentou na capital do albariño en 6,69 puntos, pero evaluando os resultados está claro que a cita mobilizou aos votantes máis conservadores, pois os populares arrasaron en todas as mesas e con importantes incrementos, tanto no centro urbano como nas parroquias. Conseguiron o apoio de 4.263 veciños ou o que é o mesmo, gañaron a confianza do 48,98 por cento das persoas que acudiron ás urnas, o que supón un crecemento de algo máis de 11 puntos con respecto á cita de 2019.Cabe recordar que a voceira cambadesa, Sabela Fole, ía de primeira suplente de Pepa Pardo, candidata número un ao senado pola provincia de Pontevedra.

 

Pola súa parte, o partido de Pedro Sánchez conseguiu manter o tipo e a súa porcentaxe caeu en pouco máis dun punto, convencendo a un 24,56 % dos votantes, fronte ao 25,66 % da cita de hai catro anos. A proposta socialista subiu un puñado de votos ou logrou manter uns resultados similares en case todas as mesas, pero rexistrou un descenso en San Tomé, Castrelo e tamén nalgunhas urnas de Corvillón. En total, votáronlle 2.138 cambadeses fronte aos 2.034 anteriores. 


Respecto á proposta de Carme da Silva, obtivo uns mellores resultados en comparación coas anteriores, logrando situarse como terceira forza máis votada polos cambadeses. Nos comicios pasados, este posto o alcanzara a coalición de Podemos, pero nesta ocasión, Sumar, que aglutinaba a este e a outros partidos de esquerdas, quedou como cuarta forza tras unha baixada non moi acusada, dun punto e medio, aproximadamente, pero o suficiente para que o Bloque lle adiantara. De feito, os nacionalistas subiron en pouco máis dun punto tras reunir 944 votos fronte aos 773 da anterior cita. Gañaron apoios en todas as mesas, excepto nunha do centro e noutra de Corvillón. 


No caso do partido de Yolanda Díaz –que levaba nas listas ao Congreso ao exconcelleiro cambadés Xurxo Charlín–, aínda que obtivo máis sufraxios nalgunhas de Vilariño e do centro e conseguiu manterse noutras, baixou na maioría das urnas cambadesas. Na capital do Albariño a elexiron 869 electores.   


Con todo, o peor resultado da noite foi para os de Santigo Abascal. Vox mantívose como quinta forza na localidade saliniense, pero perdeu a máis de 200 votantes tras recolectar 382 papeletas fronte ás 622 das anteriores. A baixada foi xeralizada en todas as mesas, aínda que na de Oubiña mantén a oito fieis. 
Respecto aos votos en blanco, ascenderon a 50 e os nulos a 97, e Pacma volveu ser a sexta forza con 38 votos. 

O PP sobe once puntos e o BNG sitúase como terceira forza tras adiantar a Sumar en Cambados

Te puede interesar