Alberto Varela: “Non estamos obsesionados coa maioría absoluta, vexo que a oposición si”

Alberto Varela: “Non estamos obsesionados coa maioría absoluta, vexo que a oposición si”
Alberto Varela posa para a foto desta campaña de Diario de Arousa cunha instantánea dos seus pais | Gonzalo Salgado

Alberto Varela enfróntase ás urnas por terceira vez e sen ter coñecido a derrota. Aspira a revalidar a maioría absoluta de 2019 consciente de que ninguén o ten logrado con anterioridade. Saca peito polos retos conseguidos e fala do que aínda queda por facer.

 

Foi un mandato con maioría absoluta. A oposición critícalle pleno tras pleno que o Concello se volveu un búnker, que non hai transparencia.
É un mantra xeral falar mal das maiorías absolutas. Véxoos moi preocupados por iso. Creo que foi un mandato complicado pola situación de pandemia que nos tocou e tivemos que facer cousas para que os concellos non estabamos preparados. Non é certo que nos alonxaramos. Houbo reunións constantes entre os colectivos e os nosos edís. Levamos anos reuníndonos coa xente, outros só o fan en campaña electoral.

Non considera entón que existe esa falta de transparencia coa oposición?
Non, para nada. Hai pouco que se fixo unha avaliación por parte dunha consultora independente da transparencia nas administracións e Vilagarcía saía entre as mellores de Galicia nese aspecto. A oposición ten á súa disposición ao funcionariado municipal para calquera trámite, outra cousa é que se limiten a presentar un escrito pedindo información sen facer nada máis.

 

Fala de que foi un mandato complicado, aínda que houbo investimentos. De que cousas se sente máis orgulloso?
Estou orgulloso de que se conseguiran demandas históricas para a nosa cidade. Imos ter un novo centro de saúde, que levamos reclamando dende hai anos. Algúns dicían que o lugar era un empeño do PSOE, que aí non podía ser. Dixemos que había que ter paciencia e o tempo puxo a cadaquén no seu sitio. 

Evidentemente temos que estar atentos para que estea cheo de persoal sanitario, senón non vale de moito. Tamén estou contento pola consecución da parada do tren de alta velocidade na cidade porque nos dá unha ventaxa competitiva a nós e a toda a comarca.

 

É certo que houbo dúbidas sobre a ubicación dese centro de saúde. Hai ese plan de tráfico que se pide e do que tanto se falou?
Evidentemente, houbo unha planificación e a Xunta sábeo. Hai altos cargos que nos dixeron que ogallá tivesen parcelas coma a da Comandancia tan ben ubicadas noutros concellos. A Xunta sabe que é unha ubicación inmellorable. A pena é que tiveramos que esperar tanto porque alguén non quixera que iso fose adiante por ser unha idea do PSOE.

 

Foi este un mandato marcado pola posta en marcha das ciclovías e tamén polos problemas de tráfico nas entradas á cidade. Percibe o malestar que hai entre os veciños por este asunto?
Nós temos moi claro que Vilagarcía é unha cidade que ten un modelo moi concreto con humanizacións que empezaron hai tempo e que están moi ben aceptadas. Temos unha cidade na que se camiña moi ben e acabamos de quedar impresionados co número de usuarios do VaiBike. Eu estou convencido de que coas ciclovías vai pasar o mesmo que no seu día coas humanizacións, que ao principio se ven con recelo e logo todo o mundo as acaba pedindo. Ademais hai que ter en conta que para os vehículos –que tamén precisan do seu espazo– creáronse máis de 1.600 prazas de aparcamento en zonas estratéxicas.

 

Houbo ese abandono do rural sobre o que tantas queixas hai ultimamente?
Sempre hai cousas que mellorar. Ese é outro mantra da oposición, o de que todos os investimentos van para o centro, pero o certo é que nestes anos o groso do presuposto non foi para o centro da cidade. Podemos falar de investimentos en Vilaxoán, no albergue que está en Carril ou na rúa Sobrán en materia de saneamento... Intentouse e conseguiuse incrementar a frecuencia de limpeza de malezas e coa nova empresa de recollida de lixo tamén se nos vai botar unha man e mellorar máis esas frecuencias.

 

Non foi un mandato fácil no deportivo. Plantéxase o PSOE a disolución da Fundación de Deportes como si o fai coa de Fexdega?
A Fundación está pensada para beneficiar aos clubes de Vilagarcía e escoitaremos a súa voz para tomar esa decisión. O que cambiaría sería a xestión. Eu quero resaltar o esforzo que se está facendo na área de deportes. Temos unhas infraestruturas na cidade que xa lles gustaría a outras máis grandes e imos a seguir ampliándoas e mellorándoas.

 

A gran proposta do seu programa para o vindeiro mandato son as piscinas e a mellora na zona do Ramal. Algúns cren que sería máis correcto adecentar primeiro a praia.
Levamos tempo traballando na mellora das praias de Vilagarcía. En A Concha-Compostela xa se conseguiron cousas como a reforma do paseo e agora estamos pendentes da súa rexeneración. O mesmo en Bamio e en Vilaxoán, donde se precisan investimentos. No tema do peirao tivemos a oportunidade de chegar a un acordo e aproveitámola para que esa zona non sexa de mero tránsito. Cremos que as piscinas poden ser un atractivo turístico máis.

 

Hai oito anos preguntáballe pola aprobación inicial do PXOM, hai catro tamén e seguimos sen Plan Xeral. Será neste mandato?
A aprobación inicial só está pendente dun informe de Carreteras vencellado á N-640. Espero que se desbloquee moi pronto.

 

Unha zona na que se están instalando empresas. Que hai da ampliación do polígono do Pousadoiro? O emprego segue a ser unha preocupación na cidade.
Eu non son de lanzar vivas polo emprego, porque se hai dez persoas en paro son dez persoas en situación de vulnerabilidade. Dito isto os datos do mes de abril son os mellores dos últimos catro anos. Claro que reclamamos a ampliación do polígono porque, nestes momentos, no que hai xa non hai parcelas libres. Eu reclameino na Xunta varias veces despois de que a segunda fase, aprobada polo bipartito, quedase nun caixón. Dado que a Xunta leva anos dándonos largas o Concello ten que buscar outro socio e un posible é Zona Franca, que está facendo polígonos noutros puntos de Galicia, xestionan as obras e venden as parcelas.

 

De non revalidar a maioría absoluta, en que porta petaría primeiro para negociar?
Non estamos obsesionados coa maioría absoluta. O 28 de maio veremos o que pasa.

 

Unha infancia “moi moi feliz”

O candidato á Alcaldía de Vilagarcía polo Partido Socialista teno claro á hora de elixir ao seu referente. “Son dous, non un só”. Fala de seus pais, aos que lles agradece terlle dado “unha infancia moi moi feliz”. Indica que “como adulto véxome reflexado neles e por desgracia miña nai hai moitos anos que xa non está, a muller do sorriso eterno, e bótase en falta”. Insiste en que “cada un temos a nosa personalidade, pero eu vexo en min moitas cousas que eles me inculcaron e por iso lles agradezo terme dado unha infancia tan feliz”.

Alberto Varela: “Non estamos obsesionados coa maioría absoluta, vexo que a oposición si”

Te puede interesar