Sabela Fole: “Nunca plantexamos reabrir Fefiñáns, pero non podes pechala de súpeto cun valo oxidado”

Sabela Fole: “Nunca plantexamos reabrir Fefiñáns, pero non podes pechala de súpeto cun valo oxidado”
A candidata do PP de Cambados, Sabela Fole | Gonzalo Salgado

A avogada Sabela Fole é a primeira muller candidata do PP e deu o salto á política hai catro anos por unha vila “mellor”. Elixiu ao partido líder da oposición porque “foi o único que loitou por Cambados; fixo todo o que temos. Fomos a envexa do Salnés”. Ten confianza en que recuperarán a maioría absoluta que perderon hai oito anos porque “hai un clamor de cambio na rúa” e ela vén “a dalo todo por Cambados”.

 

Sabe que din que é boa candidata para o PP, pero é inexperta porque leva catro anos en política?
Non sabía, pero un currículo de moitos anos non é un valor engadido, pode darche un coñecemento máis cercano pero eu preocupeime por telo. A miña aposta é forte e teño compromiso, ganas e xente moi válida, iso é o preciso. O PP foi o que levantou e fixo o Cambados que temos e serei quen de levar ese legado.

 

Por que o salto á política?
Pola miña profesión sempre tiven vocación de servizo público e son moi activa. Aquí teño a miña vida e quería facer un Cambados mellor. Iso deume o pulo para poñerme ao fronte do meu partido e devoverlle o lugar que sempre tivo no Salnés.

 

Que cualidades ten par ser unha boa alcaldesa?
Son moi traballadora, empática, responsable e estou comprometida. Non teño pereza de dedicarlle as moitas horas que precisa e son fiel á miña palabra: Sacarei adiante as miñas propostas. Son cualidades que debe ter un político e que agora fan moita falta.

 

Como definiría este mandato?
De parálise e decadencia. Perdéronse máis de dous millóns de inversións, non se atende aos veciños, non se fan labores de mantemento e limpieza, non solucionaron os problemas coas instalacións deportivas, a praza sen facer, Urbanismo paralizado... Todo o mundo está descontento, percíbese. Non fixo nada, non hai nada que mereza ser resaltado.

 

Nas anteriores eleccións, os partidos do cuatripartito subiron, salvo o BNG, e o PP tamén baixou. Se o facía tan ben, por que os veciños o castigaron nas urnas?
Non foi un castigo ao PP. O voto dividiuse moito ao haber tantas forzas, pero agora a xente é consciente da realidade e na rúa hai un clamor polo cambio.

 

Unha das críticas máis habituais é que aquí votan a favor dos veciños e en Santiago toman decisións contrarias. Se algo é xusto, loita contra as súas siglas?
Totalmente. Nos plenos non nos temblou a man para votar pola sanidade, a mexilla... O motivo polo que entrei en política, e lidero a miña candidatura, é o interese da nosa xente, que está por riba de calquera sigla e das miñas, por suposto.

 

Ten que recoñecer que en sanidade pasaron cousas incomprensibles como que o venres do Albariño non houbera médico no PAC.
Efectivamente hai moito que mellorar, pero temos un problema tremendo de falta de médicos, pasa a nivel estatal. Dende a Xunta estamos facendo todo o posible e, de feito, aprobouse unha iniciativa lexislativa –PSOE e BNG votaron en contra– e grazas a iso temos tres médicos. Non é sinxelo e temos que pedirlle ao Estado que aumente as prazas MIR.

 

O plan especial foi un auténtico “vía crucis”. Culpa de Portos ou dos gobernos de esquerdas?
Non hai vontade política de facer a praza de abastos porque enténdese como un proxecto do PP, que deixou tres millóns e o proxecto feito. Houbo moitos retrasos porque tardaron en tramitar requerimentos feitos pola Xunta, nalgún caso dun ano, e está no expediente. Hai moitas administracións implicadas, si, pero hai que ser dilixentes, estar enriba do proceso e sentarse coas administracións. É máis cómodo botarlle a culpa á Xunta. A praza é vital e está vendendo un produto excepcional nun lugar deplorable. 
 

Que habería de novo coa súa Alcaldía?
Atraería inversións para revitalizar Cambados e é fundamental ampliar o polígono e dotalo dunha gardería. O turismo é unha das fontes máis importantes para xerar riqueza e na nova praza haberá un lugar de degustación da nosa vieira para atraer aos peregrinos do Camiño de Santiago partindo dunhas escrituras antigas onde se di que a mítica cuncha só podían vendela mulleres de Cambados e Ferrol. E a praia no Saco de Fefiñáns hai que facela, daranos un pulo importantísimo e temos un proxecto moi ambicioso, pero realista. E á Festa do Albariño hai que darlle outro enfoque e da man do Consello Regulador. Tivemos o pobo atrancado dúas semanas, dúas inauguracións, os hostaleiros sen saber se podían poñer terrazas… Foi totalmente improdutivo. Faremos todo o necesario, e que non se fai, e temos novas propostas.

 

Recuperaría a comporta? Provocou moito rexeitamento no seu momento. 
Estamos estudando a mellor opción técnica e queremos sentarnos coa Cofradía e as mariscadoras.

 

Volverían os coches a Fefiñáns?
Nunca dixen iso. O que non podes é pechala do día á mañá poñendo uns valos oxidados, sen alternativas e sen dinamizala nin ter previsión de posibles problemas como houbo co acceso a residentes e a carga e descarga. E recuperar o acceso de San Benito é bonito, pero non é unha prioridade agora mesmo.

 

Entón a mantería pechada?
Nunca nos plantexamos abrila; o PP non aposta por abrila, aposta por dinamizala.

 

Teme que Vox lles reste votos?
Non, carece de equipo e de programa de goberno.

 

No caso de que non lograra a maioría, están abertos a pactos?
Imos acadar o noveno concelleiro da maioría. Estamos traballando moitísimo e xerando ilusión, cada vez percibo máis apoio.

 

Pero hai que estar abertos a todos os escenarios, non?
Veremos se nos temos que sentar con alguén. O PP é un partido aberto ao diálogo e a poder alcanzar pactos que lle dean viabilidade ao noso proxecto.

 

Tería dedicación exclusiva?
Non o descarto e dende logo dedicarei todo o tempo preciso. Estou aquí para dalo todo.  

 

Faría falta algún liberado máis?
Si, hai moito por facer e quen traballa ten que ter unha retribución. De feito, o alcalde cobra un soldo grazas ao PP.

 

Entón porque non apoiaron os salarios para o resto?
Querían impoñer todo en bloque e nos aceptamos imposicións dun goberno en minoría, e logo Somos presumiu de que non quería un soldo, pois aí tes a porta aberta. Estar en política non garantiza ter unha retribución.

 

Concepción Arenal e a política social

A candidata do PP ten verdadeira admiración por Concepción Arenal, porque “con todos os retos que tiña unha muller nesa época, formouse en leis, era escritora, xornalista... Nunca deixou de aprender”. Pero o que máis lle fascina  á popular é o labor que a sitúa como a precursora do Traballo Social en España: “Achegouse á xente que estaba nos cárceres, que non tiña protección nin asesoramento e foi quen de buscarlle saídas. De feito dixo aquela frase tan bonita: ‘Abride escolas e pecharán cárceres’. Foi precurosa nesas políticas que hai que facer”, engade.

Sabela Fole: “Nunca plantexamos reabrir Fefiñáns, pero non podes pechala de súpeto cun valo oxidado”

Te puede interesar