O rural galego busca, con distintas actuacións, alternativas para garantir que non só a poboación que hai non se marche senón que os que veñen temporalmente opten por quedar. Fano con iniciativas impulsadas desde os seus concellos co obxectivo de garantir servizos que corren o risco de desaparecer cando, maioritariamente por falta de substitución xeracional, pechan ante a xubilación dos seus propietarios.
Este é o caso de Piñor, en Ourense, promovendo un bar para asegurar servizos próximos a un albergue e un centro cultural, ou de municipios como os de Pol ou Ribeira de Piquín, en Lugo, con iniciativas para prestar asistencia a un supermercado ou unha gasolineira. Noutras zonas como Moimenta, na estrada que une Boiro e Noia, búscanse persoas interesadas para unha taberna que se aluga.
Lino Rodríguez, alcalde de Pol, explicou que optaron por comprar 862 metros cadrados no lugar onde estaba situado o supermercado e unha pequena fábrica que facía embutido, ao retirarse o seu propietario e para que veciños da zona non tivesen que irse a outras localidades próximas como Castroverde.
“Quero que haxa un sitio onde poidan ir comprar”, explicou ao ser preguntado por que se optou por esta medida, que vincula coa falta de substitución xeracional. Neste sentido, apuntou a un descenso progresivo da poboación.
Neste contexto, móstrase crítico tanto co Goberno central como coa Xunta. “Hai que crear postos de traballo e fixar poboación, necesitamos vivendas pero a que porta vou pedir”, indivou e asegurou que o consistorio “non ten medios” para abordar estas cuestións. “Non hai interese ningún en mover o rural, levo 17 anos e sempre é a mesma canción, temos un problema de man de obra, hai que formar a xente”, aseverou.
No caso de Ribeira de Piquín, o seu rexedor, Roberto Fernández, explica que alugaron unha gasolineira que levaba máis de dez anos pechada e que optaron por crear unha fundación municipal para impulsar proxectos “ante a falta de iniciativa privada”. “A filosofía é a posta en funcionamento de proxectos abandonados e infravalorados”. Agora, engadiu, xestionan “unha plantación de kiwi e unha instalación de produción de porco celta”.
“Somos 313 concellos en Galicia compostos por 30.000 entidades singulares de poboación, o que ofrece unha idea da peculiaridade territorial galega, cuns núcleos de poboación moi diseminados e cunha orografía moi complexa, o que supón unha dificultade extrema para a prestación de servizos de competencia municipal”, apuntaron desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) .
“Todo iso nun contexto de perda de peso do sector primario e non reconversión plena cara a outros sectores, de falta de financiamento para os concellos, con máis repercusión negativa nos máis pequenos do ámbito rural e de carencias na vertebración de gran parte do territorio”.
“Ante iso, hai que apostar polo investimento produtivo apostando polo desenvolvemento económico e social do mundo rural”. “Desde unha boa planificación administrativa e unha adecuada repartición de responsabilidades entre as administracións, a un financiamento estrutural estable que permita poder prestar servizos e dar resposta ás necesidades de máis poboación no ámbito rural”, engadiron.
Na mesma liña, incidiron en que isto “esixe tomar medidas estruturais inmediatas para fixar e atraer nova poboación explorando novos nichos de emprego e actividade económica, reducindo a fenda entre o medio rural e o urbano co desenvolvemento de infraestruturas e de infoestructuras e reforzando os servizos básicos adaptados á tipoloxía singular de cada área”.