Galicia solicitará formalmente as competencias sobre os permisos de traballo e estudos a estranxeiros

A Xunta busca axilizar trámites e favorecer a “migración legal” que permita “cubrir vacantes” no mercado laboral
Galicia solicitará formalmente as competencias sobre os permisos de traballo e estudos a estranxeiros
González e Rueda, onte, tras a reunión do Consello da Xunta | Lavandeira Jr(Efe)

O Goberno galego aprobou este luns iniciar a solicitude formal ao Estado das competencias para poder outorgar permisos de traballo e de estudos a persoas estranxeiras, despois de que o Consello Consultivo emitise o seu aval á reclamación. Así o anunciaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, ao termo do Consello.


Rueda argumentou que esta medida busca axilizar “a incorporación ordenada e planificada” de persoas de fóra de España ao mercado laboral galego, “como xa fixeron Cataluña e País Vasco”. Ambos os responsables autonómicos aseguraron que actualmente hai un “colapso administrativo” do Estado neste ámbito.


En concreto, a Xunta reclamará a xestión de tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e as autorizacións vinculadas a estancias de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación.

 

 Segundo González, o informe do Consultivo determina que hai argumentos xurídicos para entender que esta atribución vén xa recoñecida no Estatuto de Autonomía de Galicia, ao que se suma doutrina do Tribunal Constitucional.


Ademais, o pleno do Parlamento galego aprobou por unanimidade hai escasos días, o pasado 25 de xuño, unha iniciativa para que a Xunta iniciase a reclamación destas competencias.

 

“Colaboración”


O conselleiro explicou que esta nova reclamación de competencias busca favorecer a “migración legal, segura e baseada na colaboración” entre administracións e empresas, porque servirá tamén para “cubrir vacantes” en ámbitos como a agricultura, a construción e o turismo.


Destacou que esta medida complétase con outras liñas da Xunta para reforzar o mercado laboral interno e externo. Sobre este último, incidíu en programas da estratexia ‘Galicia Retorna’, para favorecer a volta de migrantes e os seus descendentes.


“A partir de agora iniciaremos todo o proceso de petición e negociación. Espero que non se volva a repetir o que pasou co litoral”, dixo Rueda, en referencia aos desencontros  que houbo co Goberno central sobre as competencias na costa.


González dixo que a xestión destes permisos é unha cuestión que “urxe”, polo que espera que canto antes xa se poida poñer en marcha a comisión mixta de transferencias.  

 

Estreas para litoral


Neste sentido, O Goberno autonómico asumirá a partir de este martes, día 1 de xullo, as competencias sobre a xestión do litoral e, por este motivo, estreará unha páxina web e unha canle telefónica específica para resolver dúbidas respecto diso.


Rueda, avanzou o lanzamento deste servizo informativo destinado tanto a particulares como a empresas que deban facer algunha actuación sobre a costa. 

 

Xunto a isto, a Xunta de Galicia xa anunciara un modelo de solicitude único e simplificado para calquera trámite referente ao dominio público marítimo-terrestre, que a partir da xornada de hoxe deixará de ser de titularidade estatal. 

Galicia solicitará formalmente as competencias sobre os permisos de traballo e estudos a estranxeiros

Te puede interesar