O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, informaron hoxe na librería compostelá Follas Novas sobre a nova medida de desgravación fiscal para a compra de libros de texto e material escolar, que afectará as familias con rendas de nivel medio que teñan fillos matriculados en educación primaria ou secundaria o vindeiro curso.
Esta nova disposición favorece o apoio económico en materia de educación ás familias que ingresen un mínimo de 10.000 euros e un máximo de 30.000 euros anuais por membro, o que beneficiará a arredor de 60.000 alumnos. Román Rodríguez manifestou que desta maneira a Xunta continúa co seu compromiso cun sistema educativo “de excelencia que apoia a calidade e a equidade, así como a igualdade de oportunidades”.
A nova medida foi aprobada na lei de acompañamento dos orzamentos de Galicia e pretende “aliviar ás familias nos momentos de maior tensión económica do curso”, en palabras do conselleiro. Cada unidade familiar poderá aforrar ata un máximo de 105 euros por fillo escolarizado nalgunha das etapas obrigatorias do ensino.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, explicou que a desgravación se aplicará sobre o 15% dos gastos da volta ao cole. Farase efectiva nas compras para o curso 2025/2026 que se realicen entre o 1 de xullo e o 31 de decembro deste ano, e será preciso achegar a factura -pode ser simplificada- para determinar quen realiza a compra, polo que non basta co recibo. A Xunta estima un custe estimado de 6 millóns de euros para esta execución.
Esta medida súmase á batería de incentivos que a Xunta de Galicia ofrece para reducir o desembolso económico que as familias con fillos en idade escolar deben efectuar cada novo curso. Román Rodríguez incidiu no compromiso do Goberno galego por “facilitar o acceso a educación a todas as persoas con independencia do nivel de renda”. Ademais da gratuidade das escolas infantís, por segundo ano consecutivo a matrícula nas universidades galegas será de balde, polo que Galicia é a “única comunidade na que un rapaz entra con 0 anos no sistema educativo e pode saír do mesmo sen pagar en ningún caso polo servizo”.
Do mesmo xeito, o alumnado con ingresos per cápita iguais ou inferiores aos 10.000€ goza xa de axudas de entre 160 e 270€ para a compra de libros de texto, importe que aumenta ata os 300€ no caso dos rapaces matriculados na Educación Especial. Existen asemade bonos de 60 e 75 euros en función da renda para material complementario. Doutra banda, é posible acceder a manuais gratuítos a través do programa E-Dixgal e dos servizos de préstamo, tanto de libros en físico coma dixitais.
O conselleiro de Educación finalizou a súa intervención salientando que Galicia pode estar orgullosa de ter “un sistema educativo máis equitativo para os mozos e mozas galegas, que van ser os galegos e galegas do mañá”.