A atleta ribeirense Ana Peleteiro non deixou de compartir nas súas redes sociais algúns dos mellores momentos da Festa da Dorna, que deu comezo o pasado 18 de xullo en Ribeira.
A xornada de onte estivo marcada polo humor e a participación popular, cunha tarde chea de actividade que arrancou coa XXXIII Edisión do Voo sen Motor e os Xogos de Mar ao máis puro estilo Wipeout, onde abundaron as caídas, pero tamén as risas.
Como prato forte do día, Peleteiro subiuse ao escenario para participar no popular "Exame de Patróns". Xunto cunha amiga, e baixo o nome de “As Fanecas”, a deportista animouse a limpar peixe dentro dunha piscina de plástico situada no escenario. Por suposto, non faltaron as referencias á súa disciplina deportiva, o triplo salto, que non pasou desapercibida entre bromas e guiños durante o exame.
A festa chega hoxe á súa fin coa celebración do coñecido e popular Día da Dorna, que incluirá a tradicional Rejata de Embarcacións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo, así como a Romaría Dorneira. Ás 22:32 horas será o turno do concerto de Monoulious Dop, e xa de madrugada, ás 02:22 horas, terá lugar a emotiva Arriada da Pañoleta. Para poñer o broche final, procederase ao Asalto ás Fanequeiras e á entoación do Miudiño, pechando así unha edición máis desta festa tan singular e vivida en Ribeira.