Artes prepárase para coller a segunda edición do Bruón Folk Fest que celebra a música, a palabra e a cultura galegas. A parroquia ribeirense converterase nun fervedoiro de xente na tarde do 9 de maio grazas á literatura popular oral e a súa fonda conexión coa música tradicional. Así o desvelaron o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta; a concelleira de Cultura, Antía Alberte; o secretetario da Asociación Cultural Os Liantes, Ventura Otero; e o tamén integrante de dita entidade, Jorge Maño. Este festival contará cunha mesa redonda moderada por Nel Vidal Barral, figura recoñecida no ámbito da normalización lingüística en Galicia.
Xunto a el estarán presentes figuras de recoñecido prestixio como o escritor Carlos Callón, quen ofrecerá unha visión experta sobre a historia e vitalidade das nosas cantigas, coplas e outras formas de literatura popular. Outro dos referentes culturais que asistirá é Lupe Blanco, expoñente da regueifa actual con tres premios na súa traxectoria e considerada a primera profesional da improvisación oral cantada e peza clave na revitalización.
Con relación ao cartel, a edil amosouse satisfeita con esta nova convocatoria onde ‘‘o concello contribúe economicamente así como na posta de ideas’’, ademais de resaltar a súa diferenciación por ser o único festival de folk da contorna. Pola súa parte, Suárez-Puerta referiuse á descentralización dos eventos levándoos tamén ás parroquias e destacou esta cita ‘‘porque levamos o noso patrimonio cultural galego á parroquia durante dous días onde poñemos en valor o noso”. E Otero manifestou que ‘‘o Bruón Folk Fest reafirma a súa aposta por ser máis que un simple festival de música’’.