O 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao centra a nova edición de ‘No bico un cantar’, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), que foi presentada onte no Concello de rianxo e que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia.
Un total de 500 nenos e nenas, coa novidade da colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, participarán neste encontro, que terá lugar na praza de Rafael Dieste o vindeiro 6 de xuño (18:00 horas).
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación do concerto que “é unha das actividades máis emocionantes do noso calendario que este ano cumpre nove edicións presenciais”. O alcalde, Julián Bustelo, agradeceu a elección de Rianxo para homenaxear a Castelao “nun ano especialmente significativo”. Pola súa parte, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu “no traballo previo de varios meses que remata nunha xornada de convivencia”. No acto de presentación tamén estaban o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, máis o director do concerto, Maximino Zumalave, quen destacou o repertorio popular no que haberá a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais, con arranxos musicais de Juan Durán.