Heredeiros da Crus inicia hoxe en Tui a súa xira de presentación de “Trankimasin”, o seu novo disco. Prometen novidades nas que non faltará a sulfatadora, o tradicional “Jalisco” antes dos concertos e agardan que atrone o berro de “fillos de puta” por parte dos fans, que para eles “non é un insulto”. Prometen non defraudar.
É sábado, día de ensaio. Chove a mares. Difícil atopar o sitio á primeira se non eres dalí, pero o son da música delata o lugar. Desde o galiñeiro dunha casa saen os acordes das cancións do concerto que darán hoxe en Tui. Polo ventanuco pódese ver a Tucho, Tonhito de Poi e a Fran Velo dándolle á guitarra. Manu marca o ritmo coa batería e Javi Maneiro, sentado nun sofá, fai as voces.
Nin se inmutan coa presenza de extraños asomando á porta e descubrindo partes do novo espectáculo. Agardábannos. Sobre un folio escrito con rotulador verde figura o repertorio que fará “josar” a milleiros dos seus fans. A confidencialidade obriga a non desvelar nada do visto e escoitado á porta do galiñeiro. Fetén.
Remata a canción, posan para a foto, un par de anécdotas e comeza unha entrevista plagada de risas, de moitos “off de record” e coa sensación de que unha cousa é o grupo e a súa imaxe de cara ao público e outra ben distinta a capacidade de cadaún deles de transmitir e centrarse no traballo.
“Trankimasín”, o seu novo disco, está conformado por trece cancións. As críticas inciden en que o apartado musical está máis coidado que en traballos anteriores e eles entenden que se debe a que este medicamento “é a mellor reseta que hai para que a xente escoite música” como a que eles compoñen “nuns tempos convulsos e pachangueiros”.
O primeiro tema é “Jefe indio”, que conta, explica Fran Velo, “a historia dun mariñeiro que leva tempo embarcado e vai a terra a pasalo ben”.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as referencias que Heredeiros fai sobre xente do mar. Tucho explica a razón. “Aquí hai quen foi ao mar” e nese punto, Tonhito de Poi apela a outra canción do disco, “Convensido”, que se basa na súa propia historia. “É real. Na casa dixen que quería embarcar porque era ese paso que había entre o adolescente e o adulto e entón dixéronme, pois vente esta noite e cando chegou o momento non me viron moi convensido e daí a letra da cansión”.
O “Sofá de sky”, outro tema do disco “é coma o cabalo dos indios porque montamos a pelo”. Despois duns momentos de reflexión, Tucho indica que no concerto a xente poderá ver “os efectos dun trankimasin mezclado cos efectos doutro trankimasin”, pero queren que conste que “Heredeiros non quere que a xente tome drogas”.
Os directos dos “máis jrandes” manterán os rituais de sempre para que a xente goce e “vexa os Heredeiros que queren ver e ao mesmo tempo se sintan sorprendidos”. O que teñen claro é que “non imos defraudar e seremos moi xenerosos co público”.
Hoxe tocan en Tui e Tucho recorda que “é o máis preto de Portugal que estaremos desde hai vintepico anos”. Javi Maneiro desvela o porque. “Denunciáronnos e puxéronnos unha multa de tres millóns de escudos”, e Tonhito de Poi relata o caso: “Foi nun concerto en Leiría, nunha festa para universitarios e a ese tipo de actos ían os pais, que quedaron horrorizados ao ver os estriptis”. As gargalladas impedían falar e xa coas bágoas nos ollos de tanto rir, Tucho continuou o relato da aventura lusa: “Os peores fomos Javi e eu”. “Quedaron en bolas”, dixo como puido Tonhito e Tucho rematou o conto narrando que “coa guitarra intentabamos taparnos ao tempo que coa sulfatadora botabamos viño”. A conclusión coral: “Fóisenos das mans”.
Ao respecto de quitar a roupa nos concertos din que soen ser “controlados” e que utilizan sombras chinesas para disimulalos, aínda que “tamén fixemos vistitis. Unha vez saímos todos espidos e vestímonos no escenario”.
Agora que comezan a xira ollan cara atrás para rememorar o concerto da súa volta no seu vinte aniversario. “Había catro mil persoas na sala, quince mil esperando fóra e outros dez mil na peaxe da autoestrada”, indican para destacar o éxito. Xa un pouco máis en serio sinalan que naquela época as redes sociais non estaban tan extendidas e o “feedback” co público non se evaluaba como agora.
Fran Velo incide en que Heredeiros “sempre tivo éxito” e que agora, cunha traxectoria detrás, “siguen vindo aos concertos chavaliños de 18 anos cos seus pais e incluso os avós”.
A súa música gustou desde sempre a un público determinado e sinalan que cando publicaron o disco de Pepa a Loba tocaron nun instituto de Cangas e todos os asistentes tiñan copias piratas. Agora os discos saen nas plataformas dixitais, pero Heredeiros sacou unha edición limitada de “Trankimasin” porque “como boomers que somos queremos palpalo”.
“Tocar ata os oitenta anos como os Rolling Stons?
Non sei. Non pensabamos chejar ata aquí e tanto
podemos seguir como acabar mañá
Hai preguntas que quedan no aire e unha delas é saber quen é o fillo de José, o tema convertido en himno que se canta a capela como colofón dos seus concertos. Todos a un tempo contestan que “nós o que somos é fillos de puta”, pero é Fran Velo quen retorna á conversa. “Fillos de José somos todos nós, é o soño americano pero á jalleja”.
Este ano participarán en varios festivais. Estará no Resurrection por primeira vez, o que supón un “orjullo”, aínda que lles gustaría estar no da OTI, tocar con Janet, ir a Viña del Mar… Xusto cando empezaban a desbarrar nomes de festivais de todo tipo e condición, unha vez máis, Fran Velo tornou a serio. “Bueno, por dicir aljo que poidas escribir (estoupido de gargalladas)… Agora os festivais son moi raros. Fan mezclas tremendas para que vaia todo o mundo e teñen éxito. Para min, como público, se queres ver a Iggy Pop, por exemplo, é raro que teñas que paparte a Karol G”.
A Heredeiros gústanlle os festivais temáticos e non lles importa tocar en sesión vermú. “É brutal. Mola, porque tes o alcol perfecto. Xa temos unha idade para andar de noite por aí”.
Ante as cuestións económicas póñense serios. Recoñecen que pese aos éxitos que os acompañan desde hai anos “da música galega en galego pódese malvivir, pero non vivir ben”. Explican que son poucos os grupos que poden tocar moito e poñéndose eles como exemplo, incluso “todos nós temos un traballo aparte da música”. Por elo, “desaconsellamos que os rapaces deixen de estudar”.
Ata aquí o momento sen vaciles, porque de seguido continúan as ocorrencias sobre as súas ganancias. “Vivimos das nosas mulleres”, di Tucho e aclara “que va, era broma”, porque Tonhito vai máis alá e solta que “vivimos coas nosas nais aínda”, ao que Tucho responde que non é así, senón que “cada ano traballamos un de nós para os cinco”.
A organización de Heredeiros parece caótica, pero dentro dun orde que só eles coñecen. Para artellar a xira necesitaron “un aparellador, un arquitecto e un contratista”. Tonhito frea a tormenta de ideas sobre a composición da xira e sinala a súa mánager, Patricia Hermida, da que di que é a “enxeñeira” que planifica os concertos e para todos eles “ten o ceo gañado” porque “aturar aos Heredeiros da Crus…”.
A xira será longa e aínda non poden desvelar todos os concertos que darán. “Os anunciados son os dos festivais como Revenidas, Fene Rock, Resurrection ou o Sachaso Rock en Cambados co Drogas e Ilegales”.
De repente, Tucho cambia o ton. “Non estaredes revelando cousas que non se poden dicir”. Enseguida contesta Fran que “non, home só o que se pode” porque “nin nós mesmos sabemos o lugar. Patri dinos que bloqueemos tal data e nada máis, porque se nolo di e nos preguntas, xa cho contamos todo. Somos uns bocas”.
Os integrantes de Heredeiros recoñecen cando un concerto vai ter éxito. “Cando poñemos o pé enriba do escenario”, di Fran; “cando gritan fillos de puta antes de saír”, insiste Tonhito de Poi; “cando soa Jalisco”, apunta Javi Maneiro; “non, non cando nos di Patri tal día tocades en tal sitio”, remacha Tucho.
Sobre os escenarios teñen mil anécdotas. Moitas delas irreproducibles, pero hai unha que lles chamou a atención en Arzúa cando tocaban “Corasón de carballo” e unha moza choraba emocionada. “Así está a xente de entregada”, inciden.
Co paso do tempo, a espontaneidade nos concertos foi a menos. “Cando tirabamos o viño por riba mollábase e rompía e non nos quedaba outra que improvisar”. Logo veu a innovación da sulfatadora e a primeira vez que a empregaron, en Valdoviño, meteron a auga sen limpala antes “e logo había xente que nos dicía, oes que botastes aí que cheira o pelo. E nós, mira tío, vaite lavar que se non quedas calvo de por vida”. “Antes eramos uns dexenerados”.
O público sempre foi determinante nos concertos de Heredeiros da Crus. “En todos os sitios onde tocamos hai bo ambiente, pero a xente da costa é máis brava en todos os aspectos da vida que os do interior. Son formas de ser”, indican, aínda que Tonhito sostén que “eu non noto a diferencia”.
Heredeiros leva décadas sonando e, polo de agora, pensan continuar. “Seguir ata os oitenta anos como os Rolling Stons? Non sei. Non pensabamos chejar ata aquí e somos un grupo que tanto pode seguir como acabar mañá. Estamos no fío, non se sabe”, reflexiona Fran Velo.
Levan tantos anos xuntos que se comparan cun matrimonio. “Por un lado pode haber un cansancio, pero polo outro coñecémonos tanto que somos familia”, diserta Fran e completa Tonhito, “é como cando che sae un fillo parvo que hai que querelo igual” e ponse el como exemplo. “A miña avoa dicíame tes cara de listo, pero non o eres e queríame igual”. “Ese é o resumen”, apostillou Javi entre risas. “O bonito é que non temos maldade”.
O nivel da música galega neste momento din que “é moi bo” e sosteñen que agora “é máis fácil comezar, pero máis difícil despuntar” e neste punto lembran os seus inicios. “Nós tivemos sorte, entre aspas, porque nos descubriron cando fomos a gravar unha maqueta. Tiñamos pouco tempo e tocamos “Puta cabuxa” e á xente que estaba alí, que ía montar unha discográfica, cambioulles a cara. Fliparon. Preguntaron se tiñamos máis cancións desas e dixemos: As que queiras, por quilos. Se non fora por iso non sei que podería ser de nós coma grupo”.
Eses tempos pasaron e agora son unha banda consolidada que comparten cartel con grupos como Ilegales cos que teñen ganas de tocar. “Iamos tocar con eles antes, pero pasou a movida de Javi e tivemos que aprazalo todo”.
Por certo, como estás Javi? “Eu ben”, contesta, pero xa non lle deixan continuar. Tucho exerceu de optimista; “está ao cen por cen, ou ao douscentos incluso”, e postos a falar da boa saúde do vocalista Tonhito enfatizou que “canta mellor que nunca”.
Despídense cunha invitación aos fans a acudir aos seus concertos, pero sobre todo “que teñan coidado cos paus da lus e que non se drojen”.
Unha hora de conversa distendida que os integrantes de Heredeiros, quizais imbuidos polo efecto musical do “Trankimasin” resumiron nunha frase. “Ao final non falamos nada, o de sempre”.