Ana Belén García: “Hai que tratar a todos os veciños por igual, dá igual a quen coñezan ou de quen sexan parentes”

Ana Belén García: “Hai que tratar a todos os veciños por igual, dá igual a quen coñezan ou de quen sexan parentes”
_MG_3146_19354574

Ana Belén García colle o relevo de Icía García como candidata do PSOE en Meaño. A anterior número 1 descende na lista tras asumir cargos de responsabilidade na executiva do PSdeG, como vicesecretaria de Igualdade. A nova alcaldable xa ocupara postos en anteriores listas socialistas na vila. Veciña de Dena, de 40 anos, mestra de Infantil e licenciada en Psicoloxía, asume agora o reto de liderar o PSOE meañés de cara ao 26-M. 

Como se produciu este ascenso desde o número 10 en 2015 a liderar a lista do PSOE neste 2019?

A miña agrupación levaba un tempo a insistir para que dese ese paso. Sempre pensei que eu era alguén máis para traballar desde abaixo, non me vía tanto como cabeza de lista. Pero insistiron moito e como Icía García e Manuel Radío (actuais concelleiros) me apoiaron moito e tentaron convencerme, vinme o suficientemente respaldada como para tomar a decisión. 

Nas Xerais, o PSOE medrou en votos na localidade. Será posible manter ese tirón, a pesares de ser situacións dificilmente extrapolables e con outra forza como os Independentes no escenario das municipais?

Gustaríanos poder atraer ese voto que hai a maiores nas estatais. Sabemos que é moi complicado, pero esforzámonos para conservalo. É posible que nos poida beneficiar que ambas citas electorais estean tan preto. Pero realmente nas municipais hai que traballar moito cos veciños para que ese aumento de votos se quede ou medre. Tamén é certo que somos a única alternativa de esquerda e a iso nos tentamos agarrar. 

Se o domingo 26 se rompen anos e anos de maiorías absolutas en Meaño e son necesarias as negociacións para formar goberno, mirarían máis cara un goberno dos Independentes ou do PP?

Tal vez sexa pola miña experiencia de vida, pero non son unha persoa que pense no que vai pasar antes de que sucedan as cousas. Porque ás veces non pasa o que un pensa e, entón, é tempo perdido. 

Pero algo falarían no grupo, imaxino. 

Xusto diso, o outro día nunha xuntanza da Agrupación. Estamos todos de acordo en que agora imos  afrontar este período, a facer a nosa campaña, a explicar á xente cal foi o noso traballo nestes catro anos e cal é o noso proxecto de futuro. E despois, o día 27, miraremos a ver que pasa. 

Que foi o mellor e o peor deste mandato en Meaño?

O peor, para a nosa agrupación, foi ver como non se lle informaba aos veciños das decisións que se tomaban e por que se adoptaban dese xeito; o escurantismo. O mellor, para min: O traballo que fixeron os nosos dous concelleiros. Puxéronllo moi complicado e atoparon a forma de seguir presentando mocións, de seguir a levar ideas, de dar resposta a peticións dos veciños, pleno a pleno. 

Que é preciso facer con máis urxencia en Meaño, segundo o programa socialista?

Cremos que é necesario, primeiro, tratar a todo o mundo por igual, independentemente de a quen coñezan ou de quen sexan parentes. Logo, hai que informar á veciñanza de todo: De canto se gasta,  de onde se gasta e por que se gasta. Tamén hai que coidar as infraestruturas, porque o Concello ten moitas, pero non en boas condicións. En moitos casos, ademais, sen ningún tipo de actividade. E hai que poñen en valor os recursos, tanto naturais como culturais, que non se están aproveitando.

Xustamente, no eido cultural, a Unión Musical, que acumula títulos internacionais, segue a demandar instalacións máis axeitadas. Está iso nos obxectivos do PSOE?

Si, pero non sería só para a Banda de Música, porque tamén hai outras agrupacións, musicais e folclóricas, que ensaian en condicións peores. A nosa idea é para todas estas asociacións e outras actividades que poidan aparecer. Queremos crear unha Casa das Artes, nun lugar que estamos a valorar, pero onde poñer en valor a cultura e contar con locais de ensaio insonorizados, dando acollida a todo o mundo.

Na pizarra

O valor que a socialista elixe para esta entrevista “hai que levalo a todos os ámbitos da vida e neste caso, tamén ao político”. Porque, defende, “se un renuncia aos seus principios, ao que lle parece xusto, pérdese”. É por iso que hai que ter esa “lealdade” con “un mesmo, ás súas ideas e valores, á educación que recibiu, á persoa que é e á que se quere converter”. Á pregunta de se cre que a lealdade é un ben escaso en política, contesta que “en xeral, si. Coido que habería moitos menos problemas se a xente fose máis leal aos seus principios e non os abandonase por outras cuestións”, por exemplo, traizoarse a si mesmo “para ir traballar a grandes empresas como directivos”.

Mañá en O Salnés, entrevista a: José Aspérez, candidato de Meaño Independente

Ana Belén García: “Hai que tratar a todos os veciños por igual, dá igual a quen coñezan ou de quen sexan parentes”

Te puede interesar