A Fundación Manolo Paz celebra este ano o décimo aniversario das súas xornadas culturais coa edición máis internacional, na que premiará ao prestixioso arquitecto británico —aínda que afincado en Corrubedo— David Chipperfield. Proclamado Premio Pritzker (coñecido como o Nobel da arquitectura) en 2023 e condecorado como Comendador da Orde do Imperio Británico, Chipperfield é impulsor da Fundación RIA en Galicia, centrada nos desafíos urbanísticos e de ordenación do territorio na Ría de Arousa.
Desde a fundación cambadesa optaron así este ano por recoñecer a traxectoria do laureado arquitecto, así como a súa contribución á conservación e mellorada da paisaxe e a difusión da arte. Un recoñecemento que, especialmente, trata de poñer en valor o traballo “que está a desenvolver en Galicia” a través da Fundación RIA.
Ademais da entrega do premio, no programa deste ano tampouco faltará a maridaxe gastronómica, a música con Antía Muíño e unha exposición aberta ao público con media ducia de obras do pintor alemán Markus Linnenbrink, cuxas pinturas foron xa exhibidas en galerías de Nova York, Filadelfia, Berlín ou Pekín, entre outras cidades internacionais.
As xornadas presentáronse onte da man do escultor cambadés, Manolo Paz, responsables da bodega Paco & Lola e Conservas Daporta, que patrocinan as xornadas culturais, e o alcalde, Samuel Lago, que destacou o interés do Concello en reforzar “na medida do posible” a colaboración cunhas xornadas “asentadas como un referente na promoción, defensa e divulgación da arte” vinculada aos espazos públicos. Máis este ano ao tratarse dunha edición “moi especial”, na que se aposta por perfiles máis internacionais, aínda que, en calqueira caso, Paz recalcou que en próximas edicións volverase a recoñecer tamén o talento local e galego, como en anos anteriores.
A xornada, que terá lugar la sede da fundación o venres 8 de agosto, arrancará da man do propio premiado, David Chipperfield, que ofrecerá unha charla acompañado da tamén arquitecta Sofía Blanco e que será presentada por Manolo Paz e Mónica Maneiro, a partir de mediodía. Media hora despois abrirá no taller da fundación a mostra pictórica de Linnenbrink, con media ducia de obras executadas con pigmentos acrílicos sobre papel e que se manterá aberta ao público nos próximos días.
A unha da tarde terá lugar o concerto de Antía Muíño e, xa as 13:30 horas, pecharase coa presentación das X Xornadas e a entrega do premio da Fundación Manolo Paz a David Chipperfield. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información a través do correo electrónico xornadas@fundacionmanolopaz.gal ou na páxina web oficial da fundación cambadesa.