Os Premios Martín Códax dá Música entregaron onte, nunha gala co talento galego como protagonista, os galardóns da súa duodécima edición, que recoñeceu a Paracetafolk como Artista Emerxente e da que saíron premiadas a Banda de Música de Caldas, a agrupación Brutal, con corazón tamén en Caldas, e A Banda da Balbina, na que destacan entre os seus membros a cantante valguesa Silvia Cerneira, como representantes arousanos.
Unha gala, celebrada en Pontevedra, na que Músicas ao Vivo quixo apelar á unión da comunidade musical, reivindicar o talento galego e defender o acceso á cultura de toda a cidadanía e cun predominio de mulleres artistas premiadas nesta edición nas diferentes categorías: A Pedreira, Faia, Sabela, Helena Egea, Rumia, Nadie González e María Domínguez, subiron ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra nun acto presentado por Lupe Blanco e Xisco Feijóo, coa música ao vivo do grupo Ailá e que homenaxeou á oralidade e á música tradicional, cun recoñecemento a Leilía. Xoán Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, arroupou á directiva de Músicas ao Vivo subliñando a aposta da empresa vinícola pola cultura e moi especialmente polos premios da música galega.
Non faltou así a representación arousana nos premiados. Así, ata Caldas viaxou premio ás Bandas de Música Popular, cuxa agrupación pechou unha temporada redonda tras ganar o pasado ano o 136º Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia e impoñerse tamén na sección segunda do Certame Galego.
En canto ao resto dos premiados, a categoría de Artista Emerxente foi a parar para Paracetafolk, grupo que debutou o pasado ano cunha proposta musical, desde a Costa da Morte, baseada en arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock. A banda Brutal, nacida das cinzas do grupo pontevedrés Brutal Distracion, coronouse na categoría de metal; “A Pedreira”, o proxecto de Ugia Pedreira, gañou en Canción de Autora; e Helena Egea en Blues, Funk e Soul. En Electrónica o premio foi a parar para Rumia, artista formada en boa parte na escena musical berlinesa e que se impuxo á banda arousana Lontreira.
O segundo bloque de premios recoñeceu o traballo de Os John Deeres na categoría Rock e Punk; a rapeira viguesa Nadie González resultou premiada en Músicas Urbanas coa súa proposta inspirada na poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik e Alfonsina Storni; en Orquestras e Música de Verbena foi A Banda da Balbina a que subiu ao escenario pola súa proposta festeira, que xa lles valera un premio no ano 2016; mentres que a pianista e investigadora María Domínguez recibiu o recoñecemento nesta edición 2025 dos premios na categoría de Música Clásica e Contemporánea.
Por último, a Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez, na categoría de Jazz; Sabela no propio en Pop e Indie; Fanfarria Taquikardia en Músicas do Mundo e Mestizaxe; De Ninghures, en Folk; e a cantante Faia, na categoría de Música Tradicional.