O BNG promete a mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria e unha nova Lei de Cooperativas

O candidato pola provincia de Pontevedra Luís Bará e outros dirixentes visitan as cooperativas Bodegas Martín Códax e Horsal
O BNG promete a mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria e unha nova Lei de Cooperativas
Bará e outros dirixentes do BNG e responsables de Martín Códax | MÓNICA FERREIRÓS

O candidato do BNG na provincia de Pontevedra, Luís Bará, prometeu onte que se o próximo día 18 logran o goberno da Xunta, mobilizarán 100.000 hectáreas de terra agraria de cara a 2030, recuperando terras forestadas ou abandonadas. Foi durante unha visita realizada ás cooperativas Bodegas Martín Códax e de produción de hortalizas Horsal, en Cambados.


O número un pola provincia de Pontevedra estivo acompañado pola candidata saliniense Montse Prado e outros responsables do Bloque. Explicou que desenvolverán a Estratexia Alimentaria de Galicia e declararán a produción de alimentos como unha das grandes prioridades para “poder desenvolver o potencial” da comunidade neste sector e ser “un país competitivo, sobre todo no viño e na horta”. Bará amosouse convencido de que hai “déficit” a corrixir e suliñou a produción de árbores froiteiras, “onde somos claramente deficitarios”.

 

“Parálise do PP”

Para o nacionalista, hai unha “parálise” do actual goberno do PP e a administración “debe xogar un papel proactivo e de acompañamento e de apoio” a este sector estratéxico con accións de asesoramento, impulso da investigación, financiamento, etc. 


Tamén considera fundamental apoiar ás cooperativas como as que visitou onte en Cambados e que “xogan un papel tan importante” no Salnés. Co fin de dar “máis seguranza xurídica e facilidades” a estas sociedades, Luís Bara destacou que o BNG impulsará a elaboración dunha nova Lei de Cooperativas; un texto “adaptado as súas necesidades, demandas e situacións socioeconómicas actuais” cun claro obxectivo: “favorecer a creación, funcionamento e consolidación” das mesmas, “fomentando a participación dos agricultores na industrialización e comercialización”. 

 

 

 

 

O BNG promete a mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria e unha nova Lei de Cooperativas

Te puede interesar