O edil de Cultura e Patrimonio, Liso González, presentou onte a programación que deseñou o Concello para o mes de maio co gallo das Letras Galegas. “A lingua é un dos eixos fundamentais da nosa acción de goberno”, subliñou, como “a seña de identidade en maiúsculas, que debe de protexerse, mimar, coidar e mostrar”, obxectivo que se persigue a través dunha programación amplia pensada “para todo rango de idades e colectivos”, na que haberá cabida para a música, teatro, poesía e conferencias.
Así, a actividade dará comezo durante o día de mañá cunha xeira poética da Mesa das Verbas, “unha oportunidade para acercarse á poesía” desde a Casa da Calzada, a partir das 20 horas. O Auditorio da Xuventude acollerá o sábado a representación obra “A primavera da aldea”, escrita por Carlos Yus e María Campos, fundadores da compañía Migallas Teatro, e que estará representada polo grupo “O Merlo” do CEIP As Covas de Meaño (20 horas).
Tamén haberá oco para os escolares a través do monólogo “GPA: Galego para adolescentes” de Avelino González que, en clave de humor, tratará a importancia de preservar a lingua, destinada a alumnado do IES Francisco Asorey e no IES Ramón Cabanillas.
A tradición oral cambadesa exporase tamén da man de Adela Leiro Lois, quen elaborou un traballo de investigación coa recopilación de refráns, cantigas, etc. para plasmar a cultura local. Será na Casa da Calzada, o xoves 8, ás 20 horas.
Un dos platos fortes do programa será o próximo venres, día 10, coa actuación da Coral de Ruada, unha das catro corales senlleiras de Galicia. O teatro regresará da man de Contraproducións, que achegará ao Auditorio a función “Apaga o Candil”. Será ás 19:30 horas e será preciso ter entrada, que se poderá adquirir por un prezo de 3,50 euros na billeteira.
O seguinte fin de semana, do 16 ao 18 de maio, a Praza de Fefiñáns acollerá unha mostra de embarcacións tradicionais da man da asociación A Torre e que irá acompañada de actividades. Ademais ese mesmo día 16 terá lugar a tradicional ofrenda floral dos centros educativos polo Día das Letras Galegas, á que se sumarán tamén desde o Concello. Mentres que pola tarde, a partir das oito, o Auditorio acollerá a función musicada “Seis, Lorca en Galicia”.
O propio día da efeméride, o 17, non faltará o concerto da Banda de Música de Castrelo, “toda unha institución en Cambados” e que sempre conta cunha gran convocatoria de público. Será no Parque de Torrado, a mediodía. Unha xornada que culminará co XXIX Festival de Música e Baile de Con de Xido (19 horas, no Salón José Peña).
O programa porá o broche cunha charla sobre literatura da man de Inma López e Tobías Betanzos (día 23, ás 20 horas), concerto de Ghaveta (24, ás 20 horas), teatro infantil (día 27, ás 11) e a segunda edición de “Música e Versos coa Banda de Música do CMUS (día 30, ás 19:30 horas).