“O catastro de Ensenada permítenos coñecer como era Meis no XVIII: Moita puxanza, pero só para algúns”

“O catastro de Ensenada permítenos coñecer como era Meis no XVIII: Moita puxanza, pero só para algúns”
Mario Gallego, durante a presentación onte do volume, na casa da cultura mónica ferreirós

Bastan cinco minutos de conversa con Mario Gallego Rey para confirmar os seus anos adicados á docencia. O espírito de ensinar aos demais perdura no antigo mestre, cuxa determinación por pescudar e dar a coñecer a historia de Meis levouno a ser declarado polo Concello como cronista oficial da vila. Onte presentou o seu novo libro na casa da cultura, no que indaga sobre o pasado da localidade no século XVIII.

“Meis, 1752”. Que agocha este título?
Así ven na carátula, cun chisco de misterio. Logo na segunda folla xa engado, “Meis, 1752, segundo as respostas no Catastro de Ensenada”. O marqués da Ensenada (1702-1781) foi ministro de Facenda dos primeiros Borbóns e quixo poñer mellor a vida do pobo. Resulta que daquela, cada provincia tiña unhas contribucións diferentes e o que pretendeu foi buscar unha contribución única para todo o mundo: Que se pagara de acordo co que se tiña. Así, cada familia, o que tería que pagar dende entón, polo menos na teoría, era o tanto por cento segundo as terras que tiña, o que traballaba, canto sacaba, de xeito sistematizado.

E neste libro vostede mergúllase no estudo dos datos de Meis que se recolleron naquel documento, entendo.
Exactamente. O catastro que impulsou o marqués da Ensenada é unha documentación que recolle polo miúdo o que pasaba en cada familia: O nome, a xente que vivía en cada casa, a idade, en que traballaban, que terras labraban... Temos a sorte, ademais, de que Pontevedra é unha das poucas provincias nas que temos ese material enteiro, ao cento por cento, por parroquias. Así que o que fixen foi coller a documentación das sete de Meis e o resumo de cada unha. A documentación é tal que non podes coller todo, porque se non o que te atoparías é cun traballo de moitos centos de follas.

Pódenos facer aquí, agora, un resumo dese resumo?
Si, mira. O que quixen foi centrarme no detalle de como, no século XVIII, foi xurdindo toda a riqueza da economía gandeira e agrícola, que propiciou que houbera nova xente en Meis que se fixo coas principais terras. Imos chamarlle a nobreza, os frades da Armenteira, os votos de Santiago... Os que foron collendo o traballo de toda esta xente a partir dos foros.

Os foros, o eterno problema galego...
É que as terras... case ningunha era do pobo, eran da nobreza e da xente relixiosa, que as aforaban. Claro, había, pois, dúas clases sociais: A elite, a que poñía a terra, e o pobo, quen a traballaba. E cando falo de terra falo de agricultura e gandeiría.

Fala de nova riqueza nese século XVIII. Foi unha época de puxanza en Meis?
Si, pero para algúns. Para a nobreza. Date conta que neste tempo, na metade de século, o Mosteiro da Armenteira tiña propiedades de toda a provincia, ben porque as merca, ben porque llas regalan ou ben polos ofrecementos. Diso falo tamén no anterior libro que editei, “Fundacións en Meis”. Pero todo isto significa tamén que si, hai unha riqueza grandísima que se xera, pero para a clase dirixente. Porque os demais traballan para pagar os foros e os impostos: Do propietario da terra, da parroquia, do arzobispado, do goberno, etc.

Como era, pois, a vida do pobo, a dos que carecían dos privilexios?
A xente traballaba moito, esforzábase para tentar sacar máis rendimento. Ao mellor unha familia traballaba sete ou oito terras de diferentes señores e logo tiña gando doutro nobre ou relixioso. Pero claro, as ganancias eran á metade, había que axustar contas cos donos das terras e dos animais. E tamén pasaba que as ganancias que conservaban, regalábanas, por exemplo, ao Mosteiro ou a unha parroquia, para buscar mellor a vida no alén ou para pedir pola melloría de enfermidades.

A Galicia feudal, vamos.
Si, pero o século XVIII, ademáis, é unha etapa na que aparecen dous elementos importantísimos. Un deles é o millo, que fai o seu espallamento. E en segundo lugar, o viño albariño, que se expande por todos lados. Todo isto xerou moita riqueza, xa digo, e esta fixo que se reformaran moitos pazos, que deixaron de ser nesa etapa esas grandes casas señoriais do estilo de castelos para convertirse en granxas agrícolas. Fúndanse novas capelas por todo o concello, amplíanse as igrexas, porque medra a poboación... E vai xurdindo unha nova clase social, porque a máis alta vai chegando moito máis a Meis, ao ver un lugar importante para sacar cartos, dado que as terras son moi productivas e a xente é moi traballadora.

Levoulle moito todo este traballo?
Tres anos e pico, non chegou a catro. Hai que ir collendo todo o material, logo tes que ver que é o que colles de cada sitio e ter coidado de que colles o mesmo en cada parroquia; menos en A Armenteira, que é algo diferente polos frades. Este libro é como unha segunda parte, un complemento do anterior, o das “Fundacións en Meis”, no que, ademáis, veñen os límites das terras do Mosteiro dos que falamos antes, os cinco priorados...

E este traballo histórico, onde o levou a cabo fisicamente? Como fixo para acceder á documentación?
Eu vivo en Pontevedra, case en fronte está o Arquivo Histórico. Alí foi. Esta é, ademais, a única parte da historia de Meis onde a documentación está aquí. Porque moita dela estaba no arquivo municipal e desapareceu cando queimaron o Concello en 1930. Marchou toda. Así que cando queres ver material doutra época tes que ir a Santiago, a San Martiño Pinario; a A Coruña, ao arquivo da Xunta; a Valladolid...

Que sexa un éxito...
Coido que haberá moita xente aquí á que lle pode interesar. Moitos dos que o lean van poder ver cal era a súa familia daquela, porque van recoñecer os seus apelidos, a súa casa, cos seus límites, o valor que tiña, os topónimos que había... En fin, como vivían os seus naquel tempo. É o que estou tentando con estes traballos: Poñer diante dos ollos da xente de Meis a súa historia.

“O catastro de Ensenada permítenos coñecer como era Meis no XVIII: Moita puxanza, pero só para algúns”

Te puede interesar