O ciclo de música e petiscos de Cambados “Cultura ao quente” volve con seis citas

O programa volverá a percorrer as parroquias e comeza o día 11 coa banda de folk Os d´Abaixo
O ciclo de música e petiscos de Cambados “Cultura ao quente” volve con seis citas
Compoñentes da banda de folk Os d´Abaixo que abrirán o ciclo o próximo día 11 | CEDIDA

O ciclo “Invernía cultural. Cultura ao quente” regresa este xaneiro con seis actuacións no centro e nas parroquias e novamente acompañadas por un petisco final para crear un espazo de convivencia veciñal nestas datas que invitan menos a saír da casa. Comezará o próximo día 11 coa banda folk Os d´Abaixo e rematará o 15 de febreiro con Etrad. Todas comezarán ás 19 horas. 


O concelleiro de Ensino, Cultura e Patrimonio, Liso González, explicou que esa primeira iniciativa terá lugar no Auditorio da Xuventude e que se trata dun grupo de “gran calidade” e herdeiro de Berrogüetto, que fará un percorrido pola música tradicional “ao seu xeito e tamén con composicións propias”.

 

Detalles

Seguindo o espírito deste programa, posto en marcha o ano pasado por primeira vez “cun gran éxito de afluencia e crítica”, a festa xirará despois polas casas de cultura das parroquias. Así, o día 19 actuará en Oubiña a banda Tres pesos composta por, entre outros, a excompoñente de Leilía Felisa Segade. O día 26 haberá humor en Castrelo con Leti da taberna; o día 1 de febreiro, o grupo Pandereteiras Bouba estará en Corvillón, e o día 8, o centro cultural de Vilariño acollerá un concerto de Acordereita. Pechará o ciclo a banda de gaitas da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (Etrad) da que forma o cambadés Xaquín Xesteira, o día 15, de volta no auditorio. 


González engadiu que nunhas semanas anunciarán más actividades para ese mes de febreiro e sobre “Cultura ao quente” recordou que consideraban “importante” a creación dun circuíto cultural que chegara a todos os recunchos de Cambados –máis alá do centro urbano– e que tras o éxito alcanzado o ano pasado –foi por estas datas– ampliaron a unha data máis. Pero tamén ten o propósito de “reivindicar a música e o traballo cultural en galego que se está a facer”, engadiu o concelleiro. 

 

 

O ciclo de música e petiscos de Cambados “Cultura ao quente” volve con seis citas

Te puede interesar