Nun galpón en San Lourenzo durmen uns pequenos tesouros. Sono para Julián Arcos Esperón, un veciño de Meis que se enganchou á paixón das motos antigas e que hoxe conta cunha decena destes vehículos históricos, algunhas delas edicións limitadas, chegadas de preto e tamén de lonxe, mercadas na súa maioría por Internet e restauradas e mimadas por quen lle gusta tanto conducilas como coller un pano e sacarlles brillo.
Aos seus sesenta anos, Julián presume de que a moto máis antiga que ten naceu canda el. Contan os dous seis décadas no mundo, pero non foi esta unha historia de namorados mozos. O idilio chegou na madurez. A colección que hoxe exhibe con orgullo, sobre unha base de madeira que fixo el mesmo, nun coidado espazo tamén habilitado ex profeso, naceu hai dez anos, case por azar.
O meisino é cociñeiro de profesión e conta que certo día foi á casa dun home a preparar un encargo. Alí, entre unhas silvas, esquecida e algo estragada, descansaba deitada unha vella moto que xa tivera tempos mellores. Julián veu a beleza da máquina entre a ferruxe e gabouna ante aquel home, que rapidamente lle dixo que, se a quería, que a levase, que case lle facía un favor.
“Unha delas é de cando eu tiña dezaseis anos, téñoa dende entón. Outra delas ten sesenta, tantos como teño eu”
Así tivo a primeira moto da colección. Ben, non a primeira. En rigor, inclúe tamén a Mobylette da súa mocidade, pero a paixón polo coleccionismo e a sucesión de adquisicións comezou con aquel vello ciclo rescatado de entre a maleza nunha casa allea e que resultou a que hoxe por hoxe é a unha das estrelas do particular garaxe. Tratábase dunha Montesa dos anos sesenta, a máis antiga das que ten.
Con ela xa na casa, veu a restauración, coas súas propias mans, un proceso que repetiría nas oito motos que aínda estarían por chegar no devir do tempo. Primeiro, a compra das pezas necesarias por Internet: “A algunhas faltábanlle cousas, o escape, un espello, o gardabarros, cousas así”. Logo, lixado, pintado, montaxe, engrasado e a posta a punto. E xa despois, o pracer de poñer en marcha motores feitos hai máis de medio século, ás veces por casas que xa non existen.
“A Montesa é especial”, confesa. “Esta é unha edición limitada”, “medio moto, medio bicicleta. Se se estropeaba ou non arrincaba, cambiabas un pasador e pedaleabas”. Ademais de ser parte dunha serie pouco vista, é bastante antiga, de cando a casa montaba aínda motores JLO, presume mentras da toda unha lección de historia da marca e das súas mecánicas, froito doutra intensa forma de vivir a afección: A da procura de información e o estudo detallado da peza que se ten entre as mans.
Dende aí, a procura do antigo mestúrase cos medios máis modernos. Julián atopou en Internet un estupendo escaparate non só de pezas, senón de vehículos clásicos. Primeiro, deleitábase mirando motos antigas na Rede. E co paso do tempo, nos seguintes dez anos, foi así, a golpe de clic e xa non entre as silvas, como foron aparecendo os seguintes frechazos, que acabaron vindo de Burgos, de Portugal, de Toledo e de media Galicia cara o galpón de San Lourenzo. Ducati, Puch, Guzzi Hispania, Rieju, Gimson, Velosolex... son só algunhas das marcas das motos clásicas que, pouco a pouco, foi adquirindo a través da Rede e que, tamén paseniño, foi restaurando para deixalas funcionando como un reloxo.
A súa última adquisición foi, de feito, unha creación case que propia. “Merquei un motor de gasolina de dous tempos en China e monteillo a unha bicicleta que tiña eu por aquí”.
O meisino explica que moitas das motos teñen entre 60 e 40 anos, aproximadamente. Algunhas teñen dificultades para pasar a inspección técnica, non porque non funcionen, senón porque “son motores antigos e agora, co control de gases, é complicado”. “Antes declarábalas como motos históricas, pero cada vez é máis díficil”, lamenta.
Así que á rúa saca as que pode, participa nalgunhas concentracións de vehículos clásicos e goza do resto arrancándoas, estudándoas, arranxándoas e mimándoas ao detalle. “Desfrútoas moito. Cada pouco tempo, vou a unha estantería na que teño todo e veña: Paniño, deterxente e impecables”.