David Castro : “Se Europa está decidida a recoñecer as variedades híbrídas, hai unha oportunidade que non podemos perder”

David Castro : “Se Europa está decidida a recoñecer as variedades híbrídas, hai unha oportunidade que non podemos perder”
O rexedor cata o viño, nun acto con motivo da festa deste ano, hai uns días | mónica ferreirós

A tradición recupérase nesta XLIV edición da Festa do Tinto. Nótase, xa de entrada, no regreso doutro clásico previo á gran cita: A súa presentación nunha adega artesá. Nesta ocasión, na de Lucio, en Barrantes. Alí, con este motivo, o alcalde de Ribadumia, David Castro, accede tamén a outra tradición previa: A entrevista deste especial que, por fin, pode contar o regreso dun programa sen limitacións polo covid.

Por fin se recupera todo, un programa como antes da pandemia. Había ganas?
Efectivamente, despois de dous anos. Vimos dunha edición anterior un chisco descafeinada. Nomeáranse valedores e houbo algún tipo de actividade, pero moi puntual. A situación de pandemia non o permitía. Agora, a xente quere festa e a de Ribadumia é a primeira grande da comarca. Así que recuperamos cen por cen o programa, con moita ilusión e pensando xa na cincuenta edición, para o próximo ano.
É quizais adiantar moito, pero nesa cincuenta edición, vaise preparar algo máis grande?
Coido que primeiro temos que desfrutar desta 49 edición. Hai pasos dados para que poida ser un éxito de festa. Prevemos que hai moita xente con moito interese. Nas últimas semanas tivemos peticións de xente de Asturias, de Madrid... E logo, evidentemente, o próximo ano é algo especial, con eses cincuenta anos. Coido que ben vale que o teñamos en conta e, en canto remate esta festa, pensar xa en preparar a vindeira. De feito, eses cincuenta anos invítanos precisamente a seguir traballando en regularizar esta variedade de viño. Sabemos que é un tema de vontade política, que esta variedade se recoñeza e se poida inscribir no rexistro.

Hai un día adiantaba que se ía contactar con algunhas entidades europeas para sumar forzas nesta tentativa. Por aí van ir os próximos movementos?
Si. Sabemos que en Europa se fala de sostibilidade. E non hai máis sostibilidade que o viño do tinto do Salnés, unha variedade híbrida que invita, xustamente, a esa sostibilidade. En Europa fan moito fincapé nestas variedades híbridas, que son máis resistentes. E o Concello de Ribadumia non pode perder a oportunidade: Se Europa está decidida a que esas variedades se recoñezan, e sabemos que Alemaña. Italia e Francia están nese camiño, Ribadumia vai apretar forte para que se recoñeza esta variedade e poidamos ter unha identidade propia que defina o noso produto. Pediremos ás diferentes administracións que aceleren o compromiso adquirido hai tres anos para rexistrar esta variedade.

Neste verán con menos restricións sanitarias, con Xacobeo, Pousada, coas festas recuperando pulo, que perspectivas turísticas hai na vila?
Galicia, no seu conxunto, é unha oportunidade para visitantes de España e de fóra. Cando falamos de turismo non me gustan os localismos. Porque non levan a ningún lugar. A Mancomunidade está a facer un traballo moi importante e nós, nela, temos un espazo importante que ofrecer ás personas que nos visitan. Hai un futuro prometedor, con interese de turoperadores e visitantes. Ribadumia non ten praia, pero si temos ese turismo de interior, cada vez máis demandado e de moda. A Ruta da Pedra e da Auga, a Variante Espiritual, é unha oportunidade. Cada día pregúntannos por ela. E a festa do Tinto tamén é algo que ofrecer. Como tamén o é o noso patrimonio ou os grandes eventos culturais e deportivos que organiza o Concello.

Polos que se aposta cada vez máis nos últimos anos...
Si, no Concello traballamos en materia de eventos dunha maneira moi seria, porque traen moita xente a Ribadumia. Desde a Semana Santa estamos con actividades continuas e con eventos importantes, como o Arousa Fútbol 7 ou a cita de BTT, por exemplo. Estamos a falar do paso de miles de persoas. É unha oportunidade para promocionar e crear, con valor engadido, unha boa imaxe do municipio. 

David Castro : “Se Europa está decidida a recoñecer as variedades híbrídas, hai unha oportunidade que non podemos perder”

Te puede interesar