O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe en Meis a casa de turismo rural Abuelo de Arcos, un dos establecementos adheridos ao programa do Bono Turismo. O delegado destacou o “gran éxito” desta campaña que xa esgotou os 16.000 bonos descargables e lembrou que os establecementos aínda están a tempo de participar nesta iniciativa na que Turismo de Galicia inviste un millón de euros e coa que espera mobilizar preto de dous millóns.
O bono turístico foi unha iniciativa que naceu coa pandemia e que “demostrou ser unha ferramenta moi efectiva á hora dedesestacionalizar e descentralizar o turismo en Galicia”, valoran dende a Xunta.
Os usuarios que teñen descargado algún dos bonos poderán utilizalo a partir do día 10 de setembro e ata o 25 de decembro en calquera dos establecementos adheridos. A relación pode verse na web da iniciativa.
Actualmente poderanse beneficiar do bono turismo preto de 400 establecementos turísticos de aloxamento en Galicia.